CCOO DENUNCIA A ACTITUDE ARBITRARIA DO PRESIDENTE DA AUTORIDADE PORTUARIA DE VIGO

|

CCOO denuncia a actitude arbitraria do presidente da Autoridade Portuaria de Vigo. Como xa informamos, na última xuntanza do Consello de Administración, solicitamos a inclusión dun punto na orde do día da próxima xuntanza deste órgano. Este punto pedía exactamente a retirada, por parte do Porto, do recurso presentado ao proceso concursal de Vulcano.

O dito recurso presentouse sen contar coa autorización do Consello do Porto. O artigo 30.5. do RD 2/2011, de 5 de setembro, relativo a Portos do Estado e Mariña Mercante, establece as funcións do Consello de Administración. No seu apartado “O” di:

Acordar o conveniente sobre o exercicio das accións e recursos que correspondan ás Autoridades Portuarias en defensa dos seus intereses ante as Administracións Públicas e Tribunais de Xustiza de calquera orde, grao ou xurisdición. En caso de urxencia, esta facultade poderá ser exercida polo Presidente, quen dará conta inmediata do actuado ao Consello de Administración na súa primeira reunión.

O señor López Veiga nin informou nin someteu tal decisión ao Pleno do Consello de Administración na seguinte xuntanza á presentación do recurso, incorrendo, polo tanto, nun incumprimento do mandato legal. Algo que recorreremos nas vías que estimemos oportunas.

Doutra banda, a petición feita por CCOO de inclusión do punto na orde do día para esta vindeira xuntanza, tampouco foi atendida por López Veiga. Polo tanto, queda claro que este señor cre que seguimos estando nun réxime autoritario no que pode interpretar a lei e o Estado de dereito segundo o seus caprichos e conveniencias.

O señor Enrique López Veiga non é o «Zar» do Porto de Vigo; é un cargo público cuxa actuación debe rexerse por uns principios de ética, transparencia e rigorosidade.

Comentarios