MAREA DE VIGO PIDE A DECLARACIÓN DE SERVIZOS MÍNIMOS NO SERVIZO DE PARQUES E XARDÍNS AO DETECTARSE 1 POSITIVO E ALGÚN PROBABLE EN ESPERA NO PERSOAL DA CONCESIONARIA.

|

O Grupo Municipal da Marea de Vigo considera que o concello, tal e como como aconteceu no conflicto xurdido en 2015 polo convenio laboral, ou posteriormente coa adxudicación do contrato (polo que pasaron 3 empresas ata que se solventou xudicialmente), non podo “poñerse de perfil” e esperar que a solución sexa o peche patronal da empresa e a declaración dun ERE temporal á totalidade do persoal, xa que este pode perfectamente realizar outras tarefas de limpeza e desinfección na cidade en vez das actividades ordinarias que agora mesmo están a cometer.

Obviamente as medidas de seguridade poden ser garantidas a través dun decreto de servizos mínimos que permita o descanso do parte do persoal, así como establecer un criterio sobre as accións laborais urxentes (limpeza e desinfección de zonas verdes e espazos sensibles) e as menos prioritarias neste momento (aspectos ornamentais das mesmas, corte de céspede ou mesmo o estado das piscinas de samil) que quedarían postergadas.

_____________________________________

PROPOSTA DE PLAN DE CHOQUE PARA A SÚA IMPLEMENTACIÓN NA CIDADE DE VIGO.

A pandemia de COVID-19 provocou unha situación excepcional de emerxencia sanitaria que esixe unha resposta colectiva tamén excepcional que nos permita saír xuntas e unidas, que non deixe a ninguén fóra.

Dende a Marea de Vigo, como xa temos expresado, estamos en plena disposición para a cooperación leal coas medidas tomadas polos distintos niveis da Administración para conter os contaxios e dar resposta á crise. Ao mesmo tempo, consideramos que é preciso poñer especial atención nas persoas e nos colectivos máis vulnerables, pois son quen corren un maior risco de saír perdendo, aínda máis, con esta crise, afondando na brecha da desigualdade.

Por iso, defendemos que o Concello de Vigo actúe como un escudo social que coide e protexa a toda a cidadanía, dentro das súas competencias, reforzando e non mermando dereitos. O Real Decreto-Lei aprobado polo Consello de Ministros abre a porta a que os Concellos dispoñan o seu superávit ao servizo dos fogares e das persoas que o precisan para saír desta con dignidade e con unidade.

É o momento de tecer rede, de facer do Concello de Vigo unha comunidade de solidariedade e apoio mutuo que non deixe a ninguén atrás porque desta só podemos saír entre todas.

1.- Máxima protección fronte ao contaxio

● Esixir ás empresas concesionarias e subcontratas municipais que adopten protocolos de prevención e faciliten ao seu persoal medidas de protección axeitadas: Servizo de Atención a Domicilio, atención en rúa a persoas sen fogar, SEMUS, etc.

● Paralización das obras públicas non esenciais, que non respondan a situacións de risco.

● Visita da Polícia loca a todas as obras para verificar e precintar no caso de non cumprirse os criterios de seguridade e saúde laboral.

● Visita da policía local a aquelas empresas nas que os traballadores teñan denunciado non dispoñer das medidas de seguridade e saúde laboral necesarias na medida das súas competencias.

2.- Plan de Choque Social - Atención ás persoas

● Garantir o coidado de persoas maiores e dependentes a través do Servizo de Atención a Domicilio ante o peche dos centros de día.

● Localizar e apoiar ás persoas maiores ou dependentes que viven soas, ampliando o rexistro de casos dos servizos sociais. Pode que non precisasen axuda en condicións normais, pero a súa situación é susceptible de empeorar durante a corentena.

● Reforzo do CIM ante posibles situacións de emerxencia vinculadas co confinamento.

● Habilitacion dun segundo albergue de emerxencia empregando dependencias municipais ou análogas.

● Seguimento dos casos rexistrados de mulleres vítimas de violencia de xénero que poidan estar a convivir co seu maltratador. É preciso garantir a súa seguridade durante o confinamento.

● Convocar ás entidades sociosanitarias que están a prestar atención para crear sinerxías, especialmente coas que traballan no eido do senfogarismo.

● Asegurar e garantir a adquisición polo Concello de alimentos e outros produtos de primeira necesidade con destino aos servizos sociais.

3. Plan de Choque Social – Medidas económicas:

● Aumentar inmediatamente, mediante modificación de crédito, o fondo de axudas municipais de emerxencia e axilizar a xestión telefónica permitindo, de xeito excepcional, a flexibilidade nos criterios administrativos especialmente para as familias que non eran usuarias dos servicios sociais e que, nesta situación de excepcionalidade, teñen que solicitar axuda.

● Garantir o comedor escolar aos nenos e nenas becados ao longo do curso escolar actual e a familias en risco agora pola crise.

● Manter os contratos de prestación de servizos e xestión indirecta de instalacións municipais, evitando que as empresas concesionarias executen despidos no seu persoal.

● Impulso dun modificativo de crédito para incorporar o superávit de 2019 e prescindir de gasto non necesario para facer fronte á emerxencia.

● Estudo e elaboración dun plan de exencións en tributos locais para o conxunto da cidadanía, incluíndo autónomos e autónomas, comercios e empresas.

4. Coordinación e xestión:

● Uso de ferramentas informáticas para mellorar a coordinación. Creación dun cadro de mando que reúna toda a información necesaria para xestionar a emerxencia sanitaria, dispoñer de información en tempo real e coordinar os servizos municipais e ao voluntariado.

● Impulso dunha mesa de diálogo con todos os grupos municipais e os principais axentes sociais e económicos da cidade, dende os sindicatos até as organizacións empresariais e o comercio local, para

abordar a saída desta crise.

Comentarios