MAREA DE VIGO ESIXE QUE DE XEITO INMEDIATO A XUNTA ACTÚE DE XEITO EFECTIVO SOBRE TODOS OS RECURSOS DOS HOSPITAIS PRIVADOS DE VIGO, A DISPOSICIÓN DO SERGAS.

|

Non é posible que dende o 13 de marzo, día no que o Consello da Xunta Extraordinario declarou a situación de emerxencia sanitaria e se activou o plan de emerxencia que prioriza o interese sanitario galego sobre a xestión privada hospitalaria en Vigo, non houbese movementos e actuación algunha sobre o sector da sanidade privada con Povisa á cabeza” afirma Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal. Lembra que “o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) determina que se activará o nivel IG emerxencia de interese galego, segundo a Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, cando se produza unha emerxencia declarada como de interese galego polo Consello da Xunta, exactamente o acontecido. Aínda que soamente sexa xa de xeito urxente para requisar material sanitario e EPIS, debe facerse de xeito inmediato e sen ningún tipo de contraprestación económica aos hospitais privados” suliña Rubén Pérez

Marea de Vigo pide que Povisa, Concheiro, O Castro, Fátima e calquera hospital privado queden “de inmediato” intervidos e a disposición do Sergas antes de explorar calquera outra opción como a reserva de hoteis e mesmo a eventual apertura de edificios sanitarios que por desgraza levan anos pechados como o CIES ou o Rebullón, centros nos que habilitalos requerería poñer recursos loxísticos e de desinfeción que agora son escasos e urxentes nos que permanecen abertos.

Marea de Vigo igualmente considera que a Xunta ten que impedir que coa situación de alarma, hospitais privados despidan persoal como está a acontecer nos da rede da empresa sanitaria privada HM con centro en Vigo e en Compostela. “Os cadros de persoal deben estar ao 100x100 para ser útiles ao reforzo do sistema sanitario público da área sanitaria de Vigo” conclúe o voceiro

Comentarios