MAREA DE VIGO ESIXE PENALIZAR ECONÓMICAMENTE ÁS CONCESIONARIAS MUNICIPAIS QUE ESTANDO EN SUSPENSIÓN APLICARON ERTES AO PERSOAL DOS SERVIZOS CONCESIONADOS.

|

Marea de Vigo xa advertira de xeito reiterativo no Pleno do pasado mércores que moitas empresas concesionarias con suspensión da súa actividade por mor da crise do covid-19, e polo tanto suxeitas a indemnización por parte do Concello para o pago de nóminas e mesmo alugures, seguros, etc.. ( tal e como figura no decreto do 17 de marzo do goberno central), están a presentar ERTES de xeito inxustificado afectando ao persoal asociado ao servizo concesionado (caso da recadación executiva e a empresa concesionaria SCI) ou ben incluíndo a estas en ERTES estatais como a concesioria da escolas infantís CLECE ou a do servizo de estacionamento regulado DORNIER, “escamoteando na relación de persoal afectado a traballadores e traballadoras de concesións locais que están cubertas pola suspensión do servizo e non terían que ser parte dos ERTES” matiza Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo. Do mesmo xeito, VITRASA, que segue operando ao ser servizo esencial, levou a parte do persoal a un ERTE coa escusa da limitación de aforos de autobuses, algo que debería cando menos ter unha resposta proactiva do Goberno local: ampliando frecuencias e reforzando limpeza dos vehículos tal e como foi reclamado polo comité de personal e os grupos da oposición en reiteradas ocasións. Marea de Vigo considera que, pese as casuísticas variadas dos ERTES ligados á concesionarias municipais, “o Concello debe garantir que non se presenten nin autoricen especialmente naqueles casos nos que non exista acordo entre empresa e sindicatos e a viabilidade económica da concesión non esté vinculada a ingresos externos máis aló das aportacións do Concello” aclara o voceiro. Para Marea de Vigo, tal e como se interpreta claramente polo Ministerio de Traballo, o único suposto no que cabería a interposición dun ERTE en servizos municipais sería cando este veña pactado cos sindicatos e supoña unha garantía de dereitos para os traballadores e traballadoras, caso que non se da nos anteriormente descritos. “O Concello debe actuar ante a consellería de traballo para que non se autorice ningún ERTE nestes servizos cando a viabilidade económica estea asegurada cos pagos do propio Concello" engade Pérez. Marea de Vigo tamén proporá que se lles ofreza ás concesionarias de servizos públicos externalizados que reclamen o dereito de indemnización tal e como foi artellada no caso da concesión de Mantemento de Zonas Verdes, xa que é unha posibilidade absolutamente legal que contempla o pago exclusivo dos custos salariais do período de cesamento ou redución obrigada da actividade. Nesta modalidade, o pago do concello sería a posteriori, tras restablecerse o servizo. “Non pode permitirse que empresas que teñen garantido o pago do servizo por parte do concello realicen ERTES, é claramente un abuso empresarial intolerable nesta situación de emerxencia” conclúe Rubén Pérez.

Comentarios