O BNG de Vigo demanda que Xunta e Concello actúen para frear o fenómeno especulativo dos pisos turísticos na cidade

|

O Bloque Nacionalista Galego cualificou de “moi preocupante” que o número de pisos turísticos rexistrados na cidade teña aumentado por volta dun 20% desde o pasado nadal. Os 461 pisos rexistrados, aos que a fronte nacionalista sospeita que se poden engadir moitos outros non legalizados, son un “fenómeno especulativo cun claro impacto negativo nunha cuestión fundamental como é o acceso a unha vivenda de algueiro”, advertiu o concelleiro Xabier P. Igrexas.

Igrexas puxo o foco nas dificukltades xa existentes no acceso social á vivenda na principal cidade de Galiza, polo que demandou unha resposta por parte tanto da Xunta como do Goberno municipla. “Na nosa cidade hai poucas vivendas dispoñíbeis para o aluguer, como recoñece o propio sector inmobiliario, apenas 600 pisos e cun prezo medio que xa se sitúa por acima dos 700 euros mensuais e que nos últimos 5 anos incrementouse nun 30%. Unha carestía, que sumada aos baixos salarios, á precariedade ou o desemprego, priva a moitas familias traballadoras do acceso a un ben esencial como é a vivenda e expúlsaas a outros municipios con prezos máis asequíbeis”, denunciou.

Desde o Bloque demandan que Xunta de Galiza e Concello de Vigo “deixen de ollar a outro lado e actúen”. En primeiro lugar, reclaman que se estude “con determinación e celeridade” as medidas necesarias para frear o fenómeno dos pisos turísticos, como as que xa se están a aplicar noutras cidades.

Parque de vivenda social

Ademais, reiteran a necesidade que ambas as administracións  cooperen de cara a posta en marcha dun grande parque de vivenda social que garanta o dereito de toda a cidadanía a acceder a unha vivenda."En Vigo hai 18.500 pisos baleiros, na súa inmensa maioría en mans de entidades privadas, de bancos rescatados con fondos públicos ou fondos voitre, e ao tempo tempos preto de 6 mil familias rexistradas como demandantes de vivenda protexida que non logran nunca o piso que necesitan ao prezo que poden pagar”, explica Igrexas, destacando que “o primeiro dereito de calquera cidadá e cidadán é o de habitar a propia cidade, o de ter un teito baixo o que vivir"

Comentarios