O BNG de Vigo insta o Concello a reforzar a limpeza e desinfección dos parques infantís da cidade

|

Perante a inminente finalización do estado de alarma en Galiza e o paso á denominada “nova normalidade” que permitirá a reapertura de parques infantís, áreas biosaúdabeis e instalacións deportivas ao aire libre (como pistas de skate), o Bloque Nacionalista Galego vén de demandar ao Goberno municipal de Vigo que se reforce a limpeza e desinfección destes espazos fronte á Covid-19.

O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, reclama que o Concello actúe con dilixencia para permitir o uso seguro desas instalacións, nomeadamente no caso do parques infantís. Neste sentido, o edil nacionalista propón tamén que se poña en marcha unha campaña informativa que indique de maneira clara as condicións de utilización para evitar ou reducir o risco de contaxios.

Desde o Bloque advirten que após máis de tres meses fechados e cunha importante demanda por parte das familias, é probábel que se poidan producir afluencias significativas nestes espazos nos primeiros días trala súa reapertura polo que entenden necesario “explicar socialmente de que maneira se van poder utilizar”.

Comentarios