MAREA DE VIGO ESÍSELLE AO GOBERNO LOCAL QUE REGULE AS SOLICITUDES DO IMV ANTE AS COLAS XERADAS HOXE NO CONCELLO.

|

Marea de Vigo insta ao Goberno local a levar a cabo unha regulación como a cita previa para evitar o acontecido hoxe, de xeito que garanta a privacidade das persoas solicitantes. Tendo 3 meses de trámite e recomendando precisamente tanto o Goberno como a Seguridade Social, tramitadores finais e pagadores, a xestión telemática, O Grupo municipal non entende esa “querencia do alcalde” porque a xente faga colas “como o señor feudal as facía para o cobro do diezmo” matiza Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo.

Hoxe están a tramitarse en miles de concellos e institucións as solicitudes para o IMV, en todas elas sen o “espectáculo de concelleiros e concelleiras rondando as colas para as fotos” que acontece na nosa cidade, feito que constitúe, segundo a Marea de Vigo “un novo exemplo da pornografía da pobreza” que tanto lle gusta ao alcalde da cidade. “Non é Abel Caballero – explica Rubén Pérez – quen vai pagar as axudas, senón que trátase dunha medida acadada polo actual Goberno do Estado, medida que será finalmente xestionada e pagada polas arcas do mesmo estado. Non ten sentido, sobre todo ético, o que se está facendo na casa do Concello”.

Para a Marea de Vigo, é o sistema de cita previa o que ten que garantir, cando falamos de servicios sociais, a absoluta privacidade das persoas solicitantes. “Hoxe había mesmo varios menores nas colas que, seguimos a denunciar, se forzaron para a foto de xeito deliberado. Isto ímolo denunciar tamén ante o colexio de traballadores sociais de Galicia” conclue o voceiro.


Comentarios