FEIJÓO GABA O COMPROMISO DO SECTOR DA AUTOMOCIÓN PARA CONVERTER GALICIA NUN POLO DE LOXÍSTICA INDUSTRIAL QUE PERMITA REDUCIR CUSTOS, MANTER O EMPREGO E ATRAER NOVOS INVESTIMENTOS

|

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, gabou hoxe o compromiso do sector galego da automoción para converter Galicia nun polo de loxística industrial que permita, a través da innovación, reducir custos, manter o emprego e atraer novos investimentos.




Durante a presentación do proxecto Infraestrutura Loxística 4.0, que encabeza o Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga) e no que participan tamén outros sectores, Feijóo valorou esta iniciativa que, a través da enxeñaría loxística, busca a interoperabilidade: “É dicir, que se poida funcionar non só por autovías, senón tamén a través da autopista do mar -de Vigo ao resto do mundo-, e do ferrocarril, facilitando as exportacións”, explicou.

“Estase a falar de que o feito de ser o córner de Europa non sexa un handicap, senón que sexa unha oportunidade para rebaixar custos, facendo máis competitiva ás empresas galegas”, dixo, destacando o seu emprazamento na Plisan, situada nos concellos de Salvaterra de Miño e As Neves. Un emprazamento estratéxico que mira cara á Portugal e cara á Meseta, a través de Ourense, e que está preto da Zona Franca de Vigo.

“Cremos que se trata dun proxecto dimensionado de forma axeitada, que empeza cun embrión e coa posibilidade de que vaia crecendo en función da demanda”, aseverou, animando ao sector galego da automoción a seguir apostando pola innovación; “porque estamos convencidos de que con innovación e con loxística este sector, que en 2019 facturou 9.700 millóns de euros, vai a seguir crecendo e xerando emprego, e volverá ás exportacións anteriores á covid-19”.

Ao longo da presentación, o Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga), incidiu en que se trata dun proxecto apoiado por múltiples clústeres, co obxectivo de conseguir a intermodalidade da cadea de subministro. “Estamos a falar dun proxecto

colaborativo e escalable, no sentido de que, se puidera recoller os fluxos loxísticos de múltiples sectores nunha unidade de xestión loxística avanzada con tecnoloxía 4.0, converteríase, probablemente, nun dos mellores exemplos de dixitalización que hai actualmente en Europa neste eido”, dixo o seu presidente, Juan Antonio Lloves.

Comentarios