Xabier P. Igrexas: “É difícil entender o motivo polo cal os nenos e as nenas non van poder merendar na praia”

|

Após o anuncio do alcalde de que nunha presunta nova ordenanza do uso dos areais o Goberno municipal pretende prohibir, para alén de fumar en todas as praias da cidade tamén o consumo de alimentos, o BNG fixo público esta mañá que interpelarán sobre esta cuestión na vindeira sesión da Comisión Informativa de Medio Ambiente do Concello de Vigo, que se celebrará esta semana.

Para o concelleiro do BNG, Xabier P. Igrexas, a prohibición de comer nos areais é unha decisión "insólita" e demandou coñecer cales son os motivos científicos e sanitarios que xustifiquen esa restrición. “É difícil entender o motivo polo cal os nenos e as nenas non van poder merendar na praia”, apuntou Igrexas.

O portavoz municipal nacionalista entende que estamos diante dun novo “anuncio disparatado” e unha “ocorrencia sen ningún tipo de base científica”. Emporiso, enfatizou na necesidade de que o Goberno local explique en que pretende basear esa prohibición.

"Non se pode gobernar a cidade a golpe de ocorrencia e de querer dicir algo para engordar o ciclo de noticias con algún titular vistoso”, remachou Igrexas.

O alcalde négase a contestar

Para a fronte nacionalista a negativa de Abel Caballero a dar ningunha explicación ao ser interpelado, ao fío do manifestado polo seu concelleiro, polos medios de comunicación na rolda de prensa deste luns sobre a prohibición de comer nos areais, é unha demostración palpábel da falla de argumentos que sosteñan esa "arroutada". 

"Caballero limitouse a reiterarse no seu relato delirante no que, segundo el, o BNG non ten concelleiro en Vigo a pesar de que o voto de 8500 viguesas e vigueses elixíronme como tal hai pouco máis dun ano, en lugar de explicar os motivos da súa decisión. É claro que o alcalde está completamente fóra da realidade", lamentou Igrexas.

Comentarios