OS LOGOPEDAS DO ÁLVARO CUNQUEIRO ATENDERON AOS PACIENTES CON COVID19 NAS UNIDADES DE CRÍTICOS

|

Os logopedas do servizo de Rehabilitación do Chuvi foron os únicos de Galicia que atenderon aos pacientes con Covid-19 nas mesmas Unidades de Críticos durante a fase aguda da pandemia. O obxecto desta intervención foi valorar a disfaxia nestes pacientes (dificultade para tragar) e a viabilidade de pasar á alimentación oral.

A disfaxia é unha secuela relativamente común nos pacientes intubados, con respiración asistida, e canto máis longo é o tempo de intubación máis alto é o risco de padecela. Segundo explica o logopeda Javier Bueno “temos deseñado un protocolo de actuación é unha vez os pacientes son extubados ou descanulados (retirar a cánula de traqueostomía) valoramos na mesma UCI as súas dificultades na deglutición para dar o salto da alimentación enteral ou parenteral á dieta oral” .

Terapias para exercitar a musculatura

Así, os logopedas realizan unha valoración de adaptación á dieta – elixindo a textura axeitada para que poidan tragar- e un estudo sobre a conveniencia de modificar o posicionamento ou hixiene postural do paciente para mellorar a súa deglutición.

Naqueles enfermos que superaron a fase máis critica, se lles realizan terapias orientadas a reforzar a función da musculatura da deglutición, para que poidan ser capaces de controlar todos os tipos de texturas e alimentos. “Trátase dunha exercitación muscular progresiva que esixe dun esforzo do paciente para a realización de exercicios de musculatura lingual e suprahioidea -por encima da larinxe-. Algúns dos exercicios van dirixidos a mellorar a propulsión do alimento e outros a favorecer o peche da vía respiratoria, diminuíndo o risco de aspiración do alimento”, afirma Javier Bueno.

Polo de agora, os logopedas levan tratados a unha decea pacientes con Covid19 nas mesmas Unidades de críticos. Ademais, á maioría dos críticos dados de alta, se lles continúa realizando as terapia unha vez ingresados en planta.

Segundo explica Javier Bueno, “os resultados son moi positivos xa que a totalidade dos pacientes que tratamos foron dados de alta xa con dieta oral. Temos constatado que cunha actuación dos logopedas axeitada e adaptación da dieta os pacientes progresan e evolucionan mais rapidamente”

Ademais, unha intervención precoz é fundamental para evitar complicacións a nivel respiratorio xa que unha mala deglutición pode dar orixe a cadros máis severos como broncoaspiración e neumonías .

Medio millar de pacientes atendidos

O Chuvi conta con 5 logopedas que asisten a pacientes ambulatorios e ingresados, tanto adultos como nenos. O pasado ano atenderon a mais de 500 pacientes hospitalizados, a maior parte deles con dificultades na deglutición, se ben tamén abordan os problemas da linguaxe, fala e voz. En torno a 70 destes enfermos foron atendidos nas unidades de críticos.

Moitos destes pacientes presentan alteración neurolóxicas tales como ictus ou patoloxías neurodexerenerativas, aínda que tamén é habitual a súa intervención en enfermos con cancro, patoloxías respiratoria ou traumatismos craneoencefálicos...

Aproximadamente un terzo dos doentes conseguiron a recuperación funcional destes problemas durante o ingreso hospitalario, non requirindo de ningunha intervención posterior


WhatsApp Image 2020 05 06 at 17.19.53 (1)



Comentarios