Gómez Reino: “É a campaña máis decisiva da historia da democracia en Galicia”

|

O candidato de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, trasladouse a Vigo acompañado doutros membros da candidatura como Martiño Noriega, Eva Solla e Iria Figueroa para dar o pistoletazo de saída á que cualificou como “a campaña máis decisiva da historia da democracia en Galicia”.


Para Gómez Reino trátase dunha campaña decisiva “para acabar con dez anos de maltrato á nosa sanidade pública que resitiu e nos sostivo durante a pandemia, decisiva porque nos xogamos o futuro da nosa industria, decisiva porque os nosos maiores merecen un goberno que non deixe os coidados en mans privadas”.

Gómez Reino indicou que “non se trata dunha cuestión de partidos, senón que son as galegas e os galegos os que nos xogamos o noso futuro e nos xogamos a Galicia que queremos tras a pandemia do coronavirus”.

O candidato lembrou que “o señor Feijóo fíxonos perder máis dunha década, facendo que o noso país deixara de ser referente no Estado e en Europa” e o único liderazgo que exerceu foi para destruír, manipular e aplicar os recortes máis salvaxes de Rajoy.

Nesa liña apelou á necesidade de mudar o rumbo o 12 de xullo “porque o que precisamos agora é precisamente un presidente que exerza o seu liderazgo para construír a Galicia post Covid19”.

O candidato lembrou que o obxectivo de Feijóo de adiantar as eleccións "pasa por desmobilizar ao electorado de esquerdas pero non o vai lograr".

"O señor Feijóo non coñece ao pobo galego, os galegos e galegos que loitan por Alcoa ou por Navantia, os do Nunca Mais, do metal e o que defende a súa sanidade co lema #VerínNonEsquece”.

Por iso chamou “a votar o 12 de xullo para botar ao PP da Xunta e dicir alto e claro “bye bye” Feijóo”, concluíu. 






Comentarios