MAREA DE VIGO VOLVERÁ A PEDIR NO PLENO AXUDAS URXENTES AO COMERCIO, HOSTALERÍA E AUTÓNOMOS DE VIGO ANTE UNHA SITUACIÓN DE INCERTEZA NA ACTIVIDADE ECONÓMICA DA CIDADE.

|

Na moción que Marea de Vigo leva ao pleno do Mércores 1 de xullo se denuncia que “a nivel local as reunións entre representantes do sector, varios escritos e mocións da oposición a este Pleno, amplos consensos políticos nesta corporación, horas e páxinas nos medios locais anunciando grandes actuacións, etc... durante 3 meses fixeron albergar a un sector económico esencial da cidade a existencia dun apoio audaz por parte do goberno local” . A evidencia é que a día de hoxe, “non existe ningunha medida concreta máis aló do aprazamento de pago de impostos municipais (que supoñen menos do 10% do gasto contable dun comercio medio na nosa cidade) e de afirmar que se seguirá coa rebaixa da taxas das terrazas que dende hai anos xa se ven aplicando na cidade”.

Marea de Vigo lembra que mesmo 16 asociacións de comercio e hostalería remitiron un escrito esixindo medidas concretas xa, especialmente motivado porque, en sucesivas xuntanzas, se lle prometeran medidas concretas e inmediatamente análogas aos procesos de apertura dos negocios que quedaran pechados durante o confinamento da poboación e o cese forzoso da actividade.

Marea de Vigo pide que o concello de Vigo tome as mesmas medidas que se tomaron na práctica totalidade dos grandes municipios do Estado e de Galicia. “Medidas orientadas, debido á urxencia da situación, a liñas de axuda directas para a apertura segura dos negocios, a adquisición de equipamento de protección e seguridade de traballadores e traballadoras e clientes e mesmo a colaborar nos custes dos negocios (alugueiros, consumos, seguros, etc...) durante os meses de cese de actividade”.

Marea de Vigo tamén considera escasas as liñas de axudas da Xunta de Galicia, pois as axudas non foron máis aló de tímidas propostas de subvención de máscaras e xeles (apenas 16 millóns de euros para toda Galicia) e “non hai que esquecer que as competencias en materia de comercio e promoción económica, aínda que poden ser completadas polos concellos atendendo á Lei de Bases e a criterios de benestar da poboación, son principalmente competencias autonómicas que hoxe se exercen de xeito absolutamente precario” subliña Rubén Perez.

Comentarios