Rueda: “A obra pública supón investimento e postos de traballo e, polo tanto, é fundamental que non pare para seguir dinamizando a economía”

|

O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Alfonso Rueda, destacou hoxe que un dos sectores que máis sufriu os efectos da pandemia é o da construción, e por iso ten claro que “é un dos sectores que precisamos que arranque con forza nesta nova normalidade”.

Para o candidato popular, “que funcione a construción supón que funcione unha parte importante da economía e que moitos postos de traballo que dependen desta actividade, na provincia de Pontevedra e tamén no resto de Galicia, se manteñan”. Así o sinalou esta mañá antes da súa intervención no Círculo de Empresarios de Galicia, en Vigo, onde mantivo un encontro con empresarios da construción.

“Tamén no Goberno galego tivemos isto claro desde o primeiro momento, e salvo os quince días de parón absoluto da economía, con excepción dos servizos básicos, a construción na obra pública da Xunta non se parou”. Así, explicou, declararon esenciais todas as obras que estaban en execución no momento da pandemia e a maioría das que estaban en proceso de licitación ou que se tiña pensado licitar. “Polo tanto, acabaremos o ano cunha execución e licitación moi próxima ao 100% de toda a obra pública que tiñamos prevista para o ano 2020”.

Ademais, salientou que o plan de reactivación da economía da Xunta, que esperan executar si os cidadáns deciden o domingo que Feijóo continúe presidindo o goberno galego, inclúe o impulso da obra pública, “para mobilizar moitos millóns de euros a partir do próximo ano nese convencemento de que a

obra pública supón investimento e postos de traballo e, polo tanto, é fundamental que non pare para seguir dinamizando a economía”.

Por último, durante o encontro tamén se referiu a outras cuestións que interesan a este sector, como as cláusulas sociais na contratación ou procesos que dinamicen o procedemento administrativo de licitación, etc.






Comentarios