MAREA DE VIGO CUALIFICA O ACORDO ENTRE A FEMP E O MINISTERIO DE FOMENTO COMO “UNHA TRAIZÓN AO MUNICIPALISMO E Á INDEPENDENCIA DOS CONCELLOS”.

|

O acordo entre o Goberno e a FEMP para supostamente liberar aos concellos da Lei Montoro no marco da reconstrución económica tras a COVID19, “non vai permitir que Vigo poida mobilizar os seus recursos e utilizar o superávit para a reconstrución económica da cidade” sinalou Rubén Pérez na rolda de prensa ofrecida esta mañá.

Para poder utilizar os recursos, “ten que ser baixo unhas fórmulas financeiras que pouco teñen que ver coa independencia dos municipios – explicou o voceiro municipal - pouco menos que hai que proceder previamente a unha incautación dos mesmos por parte da Administración Xeral do Estado”. “Iso non é o municipalismo que prometeu Abel Caballero e iso tamén supón un problema para a cidade de Vigo”.

Segundo a Marea de Vigo, “entendíamos que en Vigo tiñamos un consenso entre todos os grupos para poder utilizar o noso superávit e os remanentes para proxectos moi necesarios de construción social e de reconstrución económica, mais esta proposta non o vai permitir”. Ante esta situación, “xa podemos empezar a descontar deses delirantes 1000 millóns de euros que o alcalde anunciaba que íamos investir na cidade” engadiu Rubén Pérez.

“O acordo – enfatizou o voceiro,- é moi limitante sobre en que se poden utilizar estes recursos, deixando fóra unha parte esencial tanto en materia de coidados, como en materia de cultura, na que se exclúen importantes axudas ao sector, tan necesarias na nosa cidade”.

Marea de Vigo cualifica este acordo como “un agravio e unha traizón a moitos concellos como ao de Vigo, o que, a causa dunha mala xestión da execución orzamentaria, acumulou un gran superávit que podería utilizarse agora en centos de partidas necesarias para a reconstrución económica da cidade, partidas como as que lle fumos trasladando ao Goberno local durante os meses de pandemia ao goberno da cidade”

Marea de Vigo trasladará hoxe á vicepresidencia da FEMP a súa oposición, así como a petición do voto en contra do acordo.





Comentarios