MAREA DE VIGO CONSIDERA QUE A NOVA PROPOSTA DO MINISTERIO DE FACENDA AOS MUNICIPIOS SEGUE A SER LIMITANTE E INSUFICIENTE E DEBE SER TOMADA SÓ COMO PUNTO DE PARTIDA.

|

O aprazamento a hoxe da xunta de goberno extraordinaria da FEMP para presentar o Acordo entre o goberno e a FEMP para que os concellos poidan financiar recursos como mobilidade sostible, axenda urbana, políticas de coidados e apoio á cultura con cargo aos remanentes e superavit permitiu que se movera a posición do Ministerio de Facenda, mais a proposta actual “aínda está lonxe de ser aceptable e os avances na xuntanza de hoxe son aínda escasos” resaltou Rubén Pérez.

Marea de Vigo considera que a decisión de aprazar a pasada Xunta de Goberno para continuar negociando o acordo co Goberno tivo como resultado a incorporación de importantes avances “que valoramos positivamente - afirmou Rubén Pérez - mais é obvio que había marxe para mellorar o acordo xa hai semanas e continuar avanzando con medidas concretas que permitisen aos Concellos afrontar en mellores condicións a actual crise económica e social e abordar os desafíos globais”. As medidas sacadas ao Ministerio de Facenda son, “aínda que sustancialmente mellores que a proposta inicial, aínda insuficientes, e teñen que ser un punto de inicio para ir aumentando a autosuficiencia financeira dos concellos e o uso racional dos seus recursos para avanzar no municipalismo” sinala o voceiro municipal.

Marea de Vigo afirma que “finalmente era posible, como xa adiantaramos días atrás, incorporar aos acordos as propostas que se consensuaran na FEMP como incorporar o compromiso de aprobar na presente lexislatura un novo sistema de financiamento local, en paralelo coa reforma do financiamento autonómico, que supere o marco da Lei 27/2013 de racionalización e sustentabilidade da Administración Local” engadiu Rubén Pérez.

Do mesmo xeito, a esa mobilización nos futuros Orzamentos Xerais do Estado dunha porcentaxe do Remanente de Tesourería equivalente a 5.000 M€ para as actuacións que se desenvolverán no ámbito de tres áreas: Axenda Urbana Española e Mobilidade Sostible, Coidados e Cultura, os Concellos que participen nos préstamos recibirán a súa parte correspondente ate sumar 5.000 M€ , despois devolvéndoselles integramente a parte que achegaron. Alén disto, ábrese a posibilidade de que os Concellos que participen ou non no préstamo incorporen remanentes ata o límite do seu déficit. “É especialmente importante para Vigo que non se esixa o cumprimento da regra de gasto durante o exercicio 2020, co compromiso de estudar a súa ampliación para 2021 tal e como viña pedindo a totalidade dos grupos presentes na FEMP” valorou Rubén Pérez.

“Tamén era urxente, e dixémolo no pasado Pleno, que os concellos participaran de forma directa como beneficiarias do Fondo de Recuperación recentemente aprobado na UE, feito que se recoñece tamén na proposta que hoxe avalía a xunta de goberno da FEMP” indicou o voceiro.

A pesar disto, Marea de Vigo, considera que seguen sen pecharse cuestións centrais como a reformulación dos límites de endebedamento dos concellos que non teñen nin remanentes nin superávit, moitos deles galegos, ou outras cuestións que poderían recollerse no Acordo como a redución de prazos de devolución dos préstamos ou a ampliación dos Investimentos Financeiramente Sostibles, “sobre as que esperamos que poida avanzarse na tramitación parlamentaria”.

Da mesma forma, Marea de Vigo considera que segue a ser prioritario a derogación da Lei de Lei Orgánica 2/2012, de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira, tal e como se recolle nos acordos da FEMP e avanzar nos acordos recollidos no acordo subscrito entre PSOE e UP: novo marco de financiamento local e derrogación da LRSAL.







Comentarios