O BNG demanda un maior esforzo do Concello de Vigo en políticas de emprego

|

 O Bloque Nacionalista Galego demandou un maior esforzo por parte do Concello de Vigo nas políticas de promoción de emprego na cidade. A fronte nacionalista anunciou que proporán unha modificación orzamentaria para dedicar máis recursos ao Plan Municipal de Emprego no que resta de 2020 e enfrontar as consecuencias laborais derivadas da crise da Covid19.

Após se veña de resolver a convocatoria de subvencións para a promoción do emprego, o concelleiro do Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas valorounas como “claramente insuficientes”.

“Falamos de axudas que permitirán crear apenas 180 empregos temporais, nun número moi pequeno de entidades asociativas da cidade”, valorou Igrexas. O portavoz municipal nacionalista lembrou que na cidade hai preto de 23 mil persoas no desemprego e que a última Enquisa de Poboación Activa recollía que na actualidade hai 12.500 postos de traballo menos en Vigo dos existentes en 2009.

Emporiso, Igrexas chamou a que o Concello depregue máis medios para enfrontar a situación de emerxencia laboral que atravesa a cidade. A este respeito o edil afeou que o Goberno municipal “teime en seguir a dedicar un 20% máis no gasto de luces e adornos de nadal do que vai dedicar durante todo o ano ao Plan Municipal de Emprego”.

“Urxe unha rectificación no sentido das prioridades do Goberno. O Concello debera dedicar os seus recursos a atender as necesidades reais das viguesas e vigueses, e o emprego é unha cuestión vital”, explicou.

O BNG proporá unha modificación dos orzamentos municipais en vigor para dotar de máis recursos as partidas destinadas a políticas de emprego. “Con luces non se come”, remachou Igrexas.

Comentarios