Rubén Pérez: “A nova proposta da Ministra de Facenda clarifica o uso dos superávits pero segue estando pendendo a derrogación da Lei Montoro para poder usar os remanentes”.

|

 O voceiro do Grupo, Rubén Pérez, cualificou o contido da proposta como “escaso aínda que vén solventar algunhas cuestións”. “Non entra na cuestión dos remanentes – apuntou o voceiro-, deixando eses recursos só a expensas da posible derrogación da Lei Montoro”.

“Toda vez que foi derrotada a primeira proposta de Decreto no Congreso, confirmando a nosa posición ao respecto – explicou o voceiro na rolda -, reiterámonos no xa expresado no Pleno do pasado día 9, cando lle trasladábamos tanto ao alcalde do PSOE como ao Grupo Popular duas cuestións: ao alcalde, que era posible negociar outras opcións antes da votación no Congreso, que resultou negativa froito desa falta de consensos; e ao PP, que se estaba disposto a votar no propio Congreso o que consideramos é o principal impedimento para que as administracións locais poidan dispoñer dos seus recursos: a derrogación da Lei Montoro”.

No caso do Concello de Vigo, “precisamos xa poder gastar o superávit, e emprazamos ao alcalde a que o execute canto antes” resaltou Rubén Pérez. “Vigo xa pode comezar a deseñar a súa fórmula de reconstrución económica, tendo en conta que xa pode usar o superávit e sen ter a limitación do teito de gasto, tal e como garantiu a UE hai uns meses”.

Para a Marea de Vigo, “debe haber un diálogo permanente entre as administracións locais e a administración xeral do estado, xa que veñen uns meses moi difíciles para as economías domésticas e os negocios da nosa cidade” avogou o voceiro. “Ante a imposición da Ministra de Facenda sobre a aprobación do anterior decreto como única saída, tras caer na votación no Congreso, ábrese unha nova etapa de diálogo no ámbito da FEMP no que deben ser tidas en conta todas as propostas dos Grupos encamiñadas a dotar da financiación axeitada para os gastos impropios que afrontan os concellos” concluíu Rubén Pérez.

Comentarios