A ÁREA SANITARIA DE VIGO SÚMASE Á CONMEMORACIÓN DO DÍA MUNDIAL DO DOADOR DE MEDULA ÓSEA

|

  • O servizo de Hematoloxía celebra 35 anos de actividade transplantadora, nos que ten realizado máis de 800 transplantes hematopoéticos



A Área Sanitaria de Vigo súmase á conmemoración do Día Mundial do Doador de Médula Ósea que se celebra hoxe co obxecto de concienciar sobre a importancia da doazón para os tratamentos dalgunhas enfermidades como a leucemia aguda.

Neste contexto, o servizo de Hematoloxía e Hemoterapia do Chuvi mantivo un encontro coa dirección da Asociación de Doadores e Receptores de Órganos de Vigo (ADROVI) para por en común estratexias que permitan seguir progresado nas doazóns de medula ósea.

A xefa de servizo de Hematoloxía, Carmen Albo, fixo un pequeno balance e dixo que “precisamente este ano a Unidade de Transplante de Proxenitores Hematopoéticos cumpre 35 anos de actividade realizando este tipo transplantes. Neste tempo levamos realizado máis de 800 transplantes en todas as modalidades posibles: medula ósea, sangue periférico ou sangue de cordón umbilical, de orixe autólogo e aloxénico, tanto de doador familiar como de doador non emparentado. Isto permítenos ofrecer aos pacientes o mellor doador dispoñible, no momento máis adecuado para combater a súa enfermidade.”

O transplante de proxenitores hematopoéticos (TPH), ou células nai, permite restaurar a función da medula ósea e que esta produza células sanguíneas con normalidade. É unha técnica terapéutica para tratar neoplasias hematolóxicas (tumores malignos) como leucemias, linfomas, mielomas ou síndromes mielodisplásicos, así como enfermidades do sistema inmunitario e algunhas enfermidades xenéticas ou metabólicas conxénitas.

Un servizo que é referencia

Hematoloxía do Chuvi é un servizo innovador que incorpora tecnoloxía emerxente para o diagnóstico e tratamento, tanto no transplante de proxenitores hematopoéticos, como noutros ámbitos como a Hematoloxía Clínica ou as Unidades de Anemias ou Coagulación.


Medula 1



Comentarios