O BNG de Vigo denuncia a redución de frecuencias en varias liñas de bus

|

  • As liñas C2, 16, 24 e 4A son algunhas das afectadas con recortes da metade nas frecuencia
  • Reclaman tamén ao retorno dos horarios fixos.


- O Bloque Nacionalista Galego vén de denunciar a redución de frecuencias que afecta a varias liñas de buses urbanos na cidade de Vigo. Malia que o Goberno municipal asegurou que o servizo está funcionando ao cento por cento, após as reducións sufridas durante o confinamento e a desescalada, varias liñas continúan a sufrir recortes.

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, fíxose eco das queixas veciñais por estas reducións de servizo. “O C2 en lugar de pasar cada 20 minutos pasa case ao dobre, as liñas 16 e 24 reduciron á metade as frecuencias e tamén hai menos servizos na 4A”, exemplificou.

Igrexas volveu insistir na necesidade de potenciar o servizo de autobús urbano para poñer en marcha unha mobilidade “moderna, eficiente e sustentábel”. Por iso urxiu o Goberno municipal a garantir o cento por cento das frecuencias existentes antes do inicio da pandemia, e a estudar o reforzo con máis buses para evitar aglomeracións.

Por outra parte, o portavoz municipal nacionalista reclamou o retorno aos horarios fixos. “O cambio a frecuencias variábeis confunde á cidadanía e empeorou a calidade do servizo”, asegurou.

Tel. 687 080 190


Comentarios