O BNG cualifica de “cambio de caras” o relevo na Delegación Territorial da Xunta en Vigo e pide o fin da política de abandono da principal cidade galega

|

  • A fronte nacionalista desconfía de que Marta Fernández-Tapias vaia facer algo máis que continuar “a defender o indefendíbel” xustificando as políticas de abandono que practica a Xunta do PP contra a principal cidade de Galiza.
  • O concelleiro, Xabier P. Igrexas, insta a nova Delegada a atender as “reivindicacións e demandas da cidade” e  poñer fin ao desmantelamento dos servizos públicos, acabar coa privatización da sanidade e desbloquear cuestións como o novo instituto de Navia ou a mellora das conexións de transporte.


 Perante a toma de posesión oficial de Marta Fernández-Tapias como nova Delegada Territorial da Xunta de Galiza en Vigo, decorrida esta mañá en Santiago de Compostela, o Bloque Nacionalista Galego expresou ter “moi pouca confianza en que esa designación sexa algo máis que un mero cambio de caras”.

O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, afirmou que “temos moi poucos elementos para agardar que exerza como algo máis que de avogada de Feixóo en Vigo, defendendo o indefendíbel e xustificando a política de abandono que practica o Goberno galego contra a principal cidade do noso País como fixeron as persoas que a precederon”. Aliás, Igrexas tamén expresou os seu receos a que Fernández-Tapias “vaia xogar máis papel na cidade que o de axir de comisaria de Alfonso Rueda no seo do PP de Vigo”.

"O que as viguesas e vigueses gostarían poder agardar da nova Delegada é que tome boa nota do mandato social e electoral que a cidade expresou nas urnas, a última vez o pasado 12 de xullo onde 6 de cada 10 viguesas e vigueses dixemos non ás políticas de Feixóo”, reclamou o portavoz municipal nacionalista.

Entende Igrexas que a Delegada debe “recoller as demandas e reivindicacións da cidade” entre as que incluíu poñer fin ao desmantelamento dos servizos públicos, acabar coa privatización da sanidade e desbloquear cuestións como o novo instituto de Navia ou a mellora das conexións de transporte.

"Hoxe en Santiago tomou posesión Marta Fernández-Tapias e desde o BNG queremos que entenda que o seu papel non é só representar o Goberno galego en Vigo, senón recoller o mandato e o sentir desta cidade que leva anos dicindo basta á política de abandono á que condena a esta cidade a Xunta de Feixóo", remachou. 

Comentarios