MAREA DE VIGO VOTA EN CONTRA E CUALIFICA A APROBACIÓN DA MODIFICACIÓN DO ÁMBITO DO BARRIO DO CURA COMA O RESULTADO DE POÑER O FOCO ESPECULATIVO NO BARRIO, VENDENDO COMO INTERESE PÚBLICO O QUE É INTERESE PRIVADO.

|

Rubén Pérez: “É un consenso urbanístico xa histórico neste salón de Plenos, consenso que se plasmou na degradación orquestrada dun barrio para xustificar a posteriori a necesidade de recuperación urbanística a través da promoción privada”.


O primeiro debate que deberíamos ter abordado é o motivo de terse constituído sobre este ámbito a necesidade de vivenda de promoción privada; os motivos polos que nunca se considerou un espazo dotacional 100% público ou unha gran zona verde para o Casco Vello e sempre houbo unha presión inmobiliaria sobre este ámbito” explicou Rubén Pérez no Pleno de hoxe no que se aprobou a modificación para a reordenación do ámbito do Barrio do Cura.

“Ningún dos tres Grupos que pertenceron a esta Corporación antes de 2015 propuxo ningunha iniciativa 100% pública, e sempre se puxo o foco na opción do desenvolvemento urbanístico privado, xustificándoo con centros comerciais, aparcadoiros....etc – apuntou o voceiro municipal – polo que non podemos culpabilizar a este Goberno local, que vén herdar a permisividade histórica doutras corporacións nas que determinados intereses privados se foron facendo co barrio, degradandoo dunha maneira orquestada”.

Rubén Pérez fixo fincapé na falta de xustificación da urxencia xa que “o que se está aprobando hoxe aquí non é máis que unha modificación puntual do PXOM do 93, cunha urxencia incomprensible tendo en conta que non se fixo nada en máis de 30 anos e que estamos a poucos meses para a aprobación dun novo Plan Xeral. A única urxencia que hai enriba da mesa é a dos activos inmobiliarios aos que lle foron vendidos varios terrenos”.

Marea de Vigo non vai participar con esta política de feitos consumados “que adapta as decisións deste pleno ao interese especulativo dun fondo boitre”, xa que esta aprobación “o único que fai, seguramente, é evitar males maiores de carácter xurídico que se puideran ter coas persoas de non poder desenvolver o ámbito” engadiu o voceiro.

Por outra banda, desde o Grupo municipal da Marea de Vigo parabenizouse ao Goberno local “por reflectir no documento o 10% de aproveitamento lucrativo ao que ten dereito o Concello, sendo esta a primeira vez que acontece a pesar de ser o que marque a lexislación” segundo explicou Rubén Pérez. “Temos centos de convenios urbanísticos nesta cidade nos que non se sabe onde quedou ese 10% de vivenda propiedade do Concello, vivendas que hoxe poderían formar parte do parque público de vivendas tan necesario nesta cidade” engadiu.

Alén disto, Pérez tamén fixo referencia á obra d túnel da Porta do Sol, propoñendo que sexa a promotora do Barrio do Cura quen asuma os custos da prolongación da mesma. “Aínda non está resolto como se vai rematar a obra faraónica do túnel da Porta do Sol, co anuncio da continuidade da mesma cara ao Barrio do Cura. Cremos que esa prolongación debe asumila económicamente a promotora privada, igual que a administración pública asume en moitas ocasións necesidades dotacionais de promotoras privadas”.

Comentarios