SANIDADE ESTABLECE O NIVEL 2 EN TODA GALICIA E LIMITA AS REUNIÓNS A UN MÁXIMO DE 5 PERSOAS

|

  • Tras a xuntanza do Comité clínico desta tarde o concello de Santiago e a localidade do Milladoiro pasan a nivel 3 de restricións de aforo e as xuntanzas limitaránse a grupos de persoas conviventes
  •  O Comité acordou elevar ao nivel tres de restricións aos concellos de Verín, Oímbra e Vilardevós, no que se establecerá unha redución perimetral da mobilidade
  •  Estas novidades publicaranse mañá no Diario Oficial de Galicia e entrarán en vigor a partir das 00:00 horas do xoves


A Consellería de Sanidade vén de anunciar o establecemento do nivel 2 de restricións en toda Galicia, onde ademais se limitarán as xuntanzas a grupos dun máximo de 5 persoas.

Neste senso, a totalidade do territorio da Comunidade Autónoma fica no nivel 2 de restricións, unha circunstancia que incidirá nos aforos e na ocupación dos espazos dos diferentes ámbitos sociais.

Entre as decisións adoptadas polo Comité clínico que fai o seguimento da evolución da covid-19 na nosa comunidade, e tras constatar o aumento de contaxios, tamén decidiu incrementar até o nivel 3 de restricións no concello de Santiago e na localidade do Milladoiro, onde ademais as xuntanzas ficarán restrinxidas a persoas conviventes.

Os bares e cafeterías da capital de Galicia e desta localidade amiense, tamén verán restrinxido o seus servizos no interior dos locais, quedando limitada a súa actividade ao 50% do número de mesas das súas terrazas.

A pesar da mellora que presenta a evolución epidemiolóxica nos concellos de Ourense e Barbadás, ambos continuarán a manterse no nivel 3 de restricións, xunto coa limitación de xuntanzas exclusivas entre conviventes e o peche da mobilidade perimetral entre os dous concellos, xa en vigor desde o pasado 7 de outubro.

Unha das novidades introducidas no día de hoxe polo Comité clínico, foi elevar ao nivel 3 de restricións aos concellos de Verín, Oímbra e Vilardevós, onde se establecerá un peche de mobilidade perimetral que só permitirá desprazamentos entre os mesmos. Ademais as xuntanzas entre persoas nestes concellos ficará limitada só a persoas conviventes.

Seguindo na provincia de Ourense, o Comité de expertos decicíu restrinxir todas as actividades non esenciais nos concellos de Carballiño, O Irixo e Boborás, ao considerar preciso reforzar as medidas de prevención co obxecto de evitar a propagación do virus nestes municipios. Así mesmo, continuarán coa restrición de mobilidade perimentral xa establecida e coa limitación de xuntanzas entre de grupos de persoas conviventes.

Todas estas medidas, que se publicarán mañá no Diario Oficial de Galicia, entrarán en vigor dende as 00:00 horas do xoves

201020 comiteclinico 1



Comentarios