O BNG de Vigo interpela o Goberno municipal sobre os motivos de non teren utilizado 2 millóns de euros do superávit de 2019

|

A fronte nacionalista non entende a razón pola non se mobilizan eses recursos para atender as necesidades extraordinarias derivadas da pandemia.


O Bloque Nacionalista Galego interpelou esta mañá, na Comisión Informativa de Orzamentos e Facenda, ao Goberno municipal de Vigo a respeito de que motivos explican que nesta altura inda non teña feito uso de 1 millón 969  mil euros que restan do superávit orzamentario de 2019.

O concelleiro Xabier P. Igrexas asegurou “non comprender a razón pola que non se bota man destes recursos extraordinarios”. “Nun contexto onde son tantas as necesidades na cidade derivadas da pandemia do coronavirus, o que cómpre é precisamente utilizar todos os recursos e capacidades das que dispón o Concello”, argumentou.

Para o portavoz municipal nacionalista o feito de ter “ociosos” preto de 2 millóns de euros, cando hai apenas uns días o alcalde decidía fechar a metade dos parques infantís da cidade alegando o elevado custo da súa desinfección, só se debe “á falla de vontade política e de capacidade de xestión” do Goberno local. “É claro que non é un problema de falla de recursos”, remachou.

Malia contar coa presenza do concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, na comisión informativa o Goberno local non manifestou ningunha resposta ou explicación sobre esta cuestión.


Comentarios