A.V. DE TEIS, SOLICITA A SUBDELEGADA A CONVOCATORIA DUNHA XUNTANZA PARA TRATAR SOBRE OS PASOS ELEVADOS NA AP-9.

|

A Asociación Veciñal de Teis, solicitou por escrito a Maica Larriba, Subdelegada do Goberno en Pontevedra, a celebración dunha xuntanza entre este organismo, a demarcación de estradas do Estado en Galiza, o Concello de Vigo e a Asociación, para tratar sobre a mellora dos pasos elevados sobre a autoestrada AP-9 en Teis, debido a falta de mantemento do mesmos.

Desde a Asociación, entendemos que a Subdelegada como máxima representante do goberno central na provincia, debe implicarse neste tema. O Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana, non está disposto a mellorar a seguridade dos pasos elevados sobre a autoestrada AP-9 en Teis, especialmente nos camiños da Xorxa e da Trapa e logo atopámonos coa falta de xestións do Concello de Vigo.

Na última resposta da Demarcación de Estradas do Estado en Galiza, non fai ningunha referencia a mellorar os pasos elevados sobre a autoestrada AP-9 que carecen de mantemento e teiman en sinalar que os pasos elevados de Xorxa e a Trapa, son pasarelas peonís.

Temos que lembrar que xaneiro de 2019, diante da intención de impedir o paso de vehículos, sobre os pasos elevados nos camiños da Xorxa e da Trapa, provocou a convocatoria de concentracións. A mobilización veciñal conseguiu daquela que estes pasos sigan abertos, permitindo o paso de peóns e vehículos.

Estes pasos elevados sobre a autoestrada no camiño da Xorxa e da Trapa, construíronse fai 40 anos para impedir a incomunicación neste lugares de Teis e permitir o paso de peóns e vehículos, así acordouse con “ Autopistas del Atlántico” e co Ministerio no ano 1979. Desde entón usáronse sen ningún problema. Antes da existencia da autoestrada, estas vías xa tiñan os usos actuais.

Prohibir a circulación de vehículos por estes pasos elevados, suporía un gran prexuízo a veciñanza, ao incomunicar e impedir que podan chegar ambulancias ou vehículos de servizo as vivendas.

Nestes 40 anos o que puidemos comprobar é a falta de mantemento destes pasos elevados por parte da concesionaria da autoestrada.

Falta de xestións do goberno municipal de Vigo

Aínda que Abel Caballero, Alcalde de Vigo, en xaneiro de 2019, enviou unha carta, para esixir a mellora destes pasos elevados e afirmou “Non vou permitir que mutilen unha parte da cidade”. Despois de ano e medio. Cales foron as xestións do Alcalde de Vigo, diante do goberno central para resolver esta demanda veciñal ?. Nós témolo moi claro ningunha.

A discriminación da cidade, por parte do Ministerio

Unha vez máis o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, ten unha actitude de só defender os intereses da concesionaria da autoestrada e discriminar a cidade:non hai nin un só metro de pantallas contra o ruído, non se produciu  eliminación da peaxe Rande-Vigo, non hai nada da conversión da autoestrada en tramo urbano desde Padín, agora non queren mellorar os pasos elevados e pretende incomunicar lugares de Teis.

Por último, reiterar a reivindicación ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e do Concello de Vigo solucións, da mellora dos pasos elevados sobre a AP-9 en Teis, especialmente o da Xorxa e da Trapa, que permita con seguridade o paso de peóns e vehículos e que impida a incomunicación da veciñanza.

Comentarios