O BNG de Vigo demandará no Pleno novas medidas urxentes para enfrontar a segunda vaga da Covid19

|

  • Xabier P. Igrexas: “Queremos que o Concello mobilice todos os recursos e capacidades das que dispón para fortalecer a resposta da cidade diante da Covid19 e protexer as viguesas e vigueses”.
  • Propoñen medidas para reforzar a prevención, enfrontar as consecuencias sociais e económicas, e abrigar o sector cultural da cidade.

Esixen que a Xunta exerza as súas competencias e que coopere desde o diálogo co Concello.


O Bloque Nacionalista Galego levará ao vindeiro Pleno do Concello de Vigo, previsto para este mércores, unha moción na que demandan medidas urxentes fronte a segunda vaga do coronavirus. A iniciativa recolle propostas para reforzar os medios preventivos nos servizos municipais e espazos públicos, enfrontar os efectos sociais e laborais e abrigar o sector cultural. A fronte nacionalista tamén esixirá que a Xunta de Galiza exerza as súas competencias e se coordine co Goberno municipal.

“Queremos que o Concello mobilice todos os recursos e capacidades das que dispón para fortalecer a resposta da cidade diante da Covid19 e protexer as viguesas e vigueses”. Desta maneira resumía o obxectivo da moción o concelleiro do Bloque, Xabier P. Igrexas.

Igrexas cualificou de “evidentemente grave” a situación epidemiolóxica na cidade, cando xa se superan os 1200 casos positivos e aumenta a presión asistencial no conxunto da área sanitaria. Aliás, lembrou que a fronte nacionalista leva semanas demandando que se reforcen con medidas adicionais a resposta por parte do Concello. Nese sentido, apostou por unha resposta “áxil, enérxica e rigorosa” para frear a curva de contaxios.

O portavoz municipal nacionalista lamentou que o alcalde teña desatendido até o momento a proposta, formulada polo propio BNG, de realizar un encontro de todas as forzas políticas da Corporación para “poñer en común e sumar ideas e esforzos en favor dunha resposta robusta como cidade”. Emporiso, a primeira demanda é precisamente a de diálogo para artellar de maneira conxunta un Plan de Continxencia Municipal.

Medidas concretas

Para ese plan as nacionalistas suxiren algunhas liñas e medidas concretas.  En primeiro lugar demandan o reforzo de todas as medidas preventivas e desinfección nos servizos e dependencias de titularidade municipal, e singularmente no transporte urbano (coa redución de aforo e o reforzo de frecuencias), e tamén dos espazos públicos, como os parques infantís, para garantir a súa utilización segura. Instan tamén a despregar os medios e medidas organizativas que sexan necesarias para facilitar a atención non presencial, co reforzo das plataformas telemáticas e da atención telefónica do 010, con especial sensibilidade á fenda dixital.

O Bloque volve insistir nesta moción, tal e como xa fixo no inicio da pandemia, na urxencia de poñer en marcha un Plan de Protección Social que facilite o acceso aos materiais preventivos (máscaras, etc) de toda a poboación, estenda indefinidamente os dispositivos extraordinarios de atención á poboación sen teito, o reforzo das axudas sociais municipais e de emerxencia, o reforzo do SAF e unha maior dotación de persoal no servizo de Benestar Social do Concello.  

Para paliar os graves efectos económicos e laborais, que xa se están a padecer na cidade, e brindar un maior apoio ao tecido comercial, reiteran a proposta dunha Estratexia Local de Promoción Económica e do Emprego. Un paquete de medidas no que inclúen o redimensionamento do Plan Municipal de Emprego, axudas directas a comercios, PEMEs e autónomos, a creación dunha liña de microcréditos municipais sen xuros ao sector comercial, maiores bonificacións e aprazamentos na fiscalidade municipal, así como medidas específicas de apoio ao pequeno e mediano comercio local.

A moción insta a executar as medidas extraordinarias de apoio e impulso do tecido cultural de Vigo a consecuencia da Covid-19, recollidas na moción do BNG aprobada -sen ningún voto en contra- no Pleno do 29 de abril de 2020.

En relación ás decisións que haberá que adoptar nos vindeiros días e semanas, a respeito das actividades públicas que se desenvolvan na cidade, Igrexas aposta porque estas non dependan do “criterio ou capricho político do alcalde ou do Goberno municipal”, para o que propoñen que sexa un Comité Técnico quen analice de maneira pormenorizada cada actividade, facendo prevalecer as garantías de carácter sociosanitario sobre outros criterios. “Queremos que sexan técnicos e técnicas, con criterios de saúde pública, quen decidan que se vai poder facer e en que condicións e que imos ter que suspender ou adiar”, explicou.

Xunta de Galiza

A moción do Bloque fai un chamado rotundo a que a Xunta de Galiza exerza as súas competencias para unha máis eficaz resposta fronte a esta segunda vaga de contaxios. A este respeito as nacionalistas demandan tamén que o Goberno galego transfira os recursos económicos necesarios para coadxuvar no financiamento das medidas extraordinarias que se teñan adoptado ou se vaian a adoptar polo Concello.

Por derradeiro, volven demandar da Xunta que habilite “unha interlocución permanente e estabeleza medios de cooperación áxil co Goberno municipal de Vigo”. “É incomprensíbel que no que vai de pandemia o presidente da Xunta non teña contactado co alcalde da principal cidade de Galiza. Como irracional e inaceptábel é que a Delegación da Xunta en Vigo se limite a facer propaganda do seu goberno en lugar de coordinar a acción co Concello”, reprochou Igrexas.

“Que nos dean un descanso da súa lea permanente entre Feixóo e Caballero e que se centren no verdadeiramente importante, que é enfrontar da mellor maneira esta segunda vaga do coronavirus que está a ser especialmente dura en Vigo e a súa área”, reclamou

Comentarios