SANIDAD ESTABLECE RESTRICCIONES DE MOVILIDAD PERIMETRALES EN LAS SIETE CIUDADES GALLEGAS

|

  • O Subcomité clínico tamén decidiu elevar ao nivel 3 os concellos de Ames, Teo, Ferrol, Narón, Fene, Neda e Vimianzo
  •  Ademais das restricións de mobilidade, catorce novos concellos verán limitadas as reunións de persoas a grupos de conviventes
  •  As restricións de mobilidade perimetral e a limitación a grupos de conviventes entrarán en vigor ás 15:00h deste mediodía


A Consellería de Sanidade vén de anunciar o establecemento de novas medidas de restrición da mobilidade nas sete cidades galegas e na súa contorna, as que ademais hai que engadir á limitación de xuntanzas entre persoas conviventes en 14 concellos.

Tras a xuntanza do Subcomité clínico que fai seguimento á evolución da covid-19 en Galicia, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou do conxunto de medidas adoptadas para conter a expansión do virus na nosa comunidade, destacando que desde as 15:00h deste mediodía se establecerá unha restrición perimetral de desprazamentos entre algúns concellos.

Neste senso, a mobilidade de persoas ficará restrinxida aos perímetros conformados polos seguintes grupos de concellos: Santiago, Ames e Teo; Ferrol, Neda, Fene e Narón; A Coruña e Arteixo; Pontevedra, Poio e Marín. Así mesmo, tampouco estarán permitidas as entradas e saídas nos núcleos de poboación de Vigo, Lugo e Vimianzo.

Xunto coas limitacións nos desprazamentos, García Comesaña subliñou que os concellos de Ames, Teo, Ferrol, Narón, Fene, Neda e Vimianzo pasan ao nivel 3 de restricións e que, adicionalmente, soamente se poderán establecer reunións entre conviventes neste concellos.

Esta mesma restrición das xuntanzas entre persoas que vivan no mesmo domicilio tamén se aplicará noutros concellos que arestora se atopan en nivel 2 de restrición, como son os concellos da Coruña, Arteixo, Pontevedra, Poio, Marín, Vigo e Lugo.

Durante a súa intervención, sinalou que malia boa evolución que está a ter a situación epidemiolóxica na provincia de Ourense, o Subcomité clínico decidiu manter unha semana máis as restrición vixentes nos diferentes concellos ourensás.

O responsable de Sanidade, apuntou que este novo paquete de medidas insírense dentro da carácter especial que ten o Día de Defuntos en Galicia, unhas datas nas que se multiplican os desprazamentos na nosa comunidade. Así, animou á poboación a restrinxir ao máximo as interacción sociais.

As medidas referentes á limitación de mobilidade perimetral e a restrición de xuntanzas entre conviventes entrarán en vigor desde as 15:00h deste mediodía. No caso das medidas que modifican os límites dos aforos nos concellos, a súa publicación, terá lugar mañá no Diario Oficial de Galicia.


As medidas establecidas esta mañá, estarán vixentes até o vindeiro martes día 3 de novembro, data en que o Comité clínico voltará a reunirse e avaliará se é precisa a súa continuidade






Comentarios