O BNG impulsará unha ofensiva social e institucional para potenciar a conexión por tren de Vigo e a súa área

|

  • Demandan a mellora da rede convencional, a posta en marcha das cercanías e asegurar a conexión estratéxica con Portugal a través da saída sur.
  • Promoverán iniciativas no Parlamento galego e nos concellos e iniciarán unha ampla rolda de contactos sociais.



O Bloque Nacionalista Galego presentou esta mañá en Vigo as liñas mestras dunha campaña que van desenvolver, a nivel social e institucional, para demandar a mellora e potenciación da conexión ferroviaria de Vigo e a súa área.

Na comparecencia pública, decorrida esta mañá na cidade olívica, o concelleiro do Bloque, Xabier P. Igrexas, defendeu a aposta estratéxica por unha mobilidade moderna e sustentábel, que vertebre a realidade metropolitana de Vigo e reforce a posición da cidade como nodo industrial e loxístico, para o que "é fundamental a mellora da conexión ferroviaria".

Neste sentido, Igrexas, que compareceu canda a deputada, Alexandra Fernández, e o deputado, Luís Bará, reivindicou que se asegure a conexión directa por alta velocidade coa meseta "no menor tempo de traxecto e sen ningún tipo de transbordo". Tamén demandou a urxente mellora da rede de media distancia, con maiores frecuencias e o abaratamento de tarifas, e volveu reclamar a posta en marcha do tren de proximidade (cercanías) que una a cidade polo norte coa área de Pontevedra e polo sur con Tui.

Nun momento marcado pola elaboración dos novos orzamentos xerais do Estado, o portavoz municipal nacionalista chamou a saír trampa "do debate eterno das variantes que nunca pasan do plano, nin dos prazos que nunca se cumpre". Para iso demandou "que as boas vontades se convertan en partidas suficientes nos orzamentos do Estado". "Xa abonda de estudos, de análises, de escusas. É momento dos feitos", resumiu.

Campaña social e institucional

Pola súa parte, o deputado e portavoz do BNG en Infraestruturas no Parlamento galego, Luís Bará, deu conta dun conxunto de iniciativas que van promover tanto no Parlamento, a nivel social como nos concellos, co obxectivo de "abrir un debate serio, resultado dun traballo conxunto de toda sociedade en defensa do ferrocarril". Unha campaña que incluíra tanto iniciativas parlamentares, mocións nos concellos como unha ampla rolda de contactos con diferentes colectivos, organizacións sociais e empresariais para artellaren "unha fronte común, o máis unitaria posíbel" en favor do desenvolvemento ferroviario do noso País.

"É xa o tempo do tren, e na perspectiva de novos fondos europeos e estatais o BNG pensamos que é hora de apostar polo ferrocarril", sintetizou Bará. As propostas do BNG se desenvolven en catro grandes eixos: a aposta decida pola mellora do ferrocarril convencional que -defenden- debe ser obxecto principal dos investimentos e a creación do ferrocarril de proximidade; a demanda da transferencia da xestión ferroviaria a Galiza e a creación do Galtren; a prioridade da conexión de alta velocidade con Porto e unha aposta decidida polo transporte de mercadorías a través dos camiños de ferro.

Bará anunciou que levarán esta cuestión a debate ao Pleno do Parlamento galego convocado para a semana que vén, polo que as restantes forzas políticas terán a oportunidade demostrar cal é o seu nivel de compromiso coa mellora do tren. "Non se trata só ed pedirlle cousas a Madrid senón de que a Xunta se poña á fronte desta cuestión estratéxica", advertiu.

Eixo atlántico

A deputada viguesa, Alexandra Fernández, cualificou de "dramática" a situación ferroviaria asegurando que "resulta inconcibíbel en Europa que dúas grandes cidade como Porto e Vigo non estean conectadas".

Fernández denunciou o boicot sistemático ao desenvolvemento do eixo atlántico, que exemplificou na pésima conexión existente arestora con Portugal. "A día de hoxe o traxecto por tren de Vigo a Porto é unha viaxe ao pasado, con trens reciclados e cunha única frecuencia diaria, que fai imposíbel facer a viaxe de ida e volta no mesmo día", lamentou.

Pola contra, a nacionalista enfatizou o valor do sistema urbano atlántico, do que fai parte Galiza, fronte ao de Madrid e periferia ou o eixo mediterráneo, remarcando o seu "grande potencial" a nivel peninsular e europeu. "É incomprensíbel que non se estea traballando nunha maior integración do eixo atlántico" o que responde, segundo Fernández, a unha visión centralista desde Madrid que defenden os partidos estatais. "O problema é de fondo, sobre o rol que debe xogar Galiza. Para o actual Goberno estatal o noso país só pode ser un extremo do sistema urbano de Madrid e o Bloque defendemos que Galiza debe defender un papel fundamental no eixo atlántico", explicou.

Desde o Bloque advirten de que estamos nun momento "tremendamente importante" pola man tendida de Portugal, na que o executivo luso xa amosou a súa aposta pola conexión con Galiza, e pola chegada de novos fondos europeus destinados ao desenvolvemento sustentábel, polo que defenden que "é o momento de facer do tren un proxecto de País".

No concreto, esa aposta se materializaría na mellora de frecuencias, modernización da infraestrutura e do material rodante na conexión convencional, e no desenvolvemento da saída sur para completar a conexión de alta velocidade desde A Coruña até Porto. Aliás, Fernández esixiu dotar o tren galego dun sistema de "seguridade do século XXI", que pasaría por asegurar a instalación de ERTMS en todo o trazado para evitar tráxicos accidentes como o do Alvia en Angrois ou o do tren celta no Porriño.


Tren



Comentarios