O Bloque Nacionalista Galego demandou esta mañá desde Vigo que tanto a Xunta de Galiza como a Inspección de Traballo actúen en Povisa, perante a falla de persoal e de medidas preventivas denunciadas a nivel sindical. A fronte nacionalista mantivo un

|

  • Os sindicatos denuncian ratios de atención que triplican os do Sergas, a negativa da empresa a proveerlles de EPI e a atención cruzada de pacientes positivos por Covid e non contaxiados.
  • A deputada e portavoz de sanidade do BNG, Montse Prado, anunciou unha batería de iniciativas no Parlamento galego para urxir unha resposta enérxica por parte do Sergas e da Inspección.
  • Xabier P. Igrexas: “As preto de 140 mil persoas adscritas na área de Vigo a Povisa, polo cupo do Sergas, non poden ser pacientes de segunda ou de terceira, e menos en medio dunha pandemia”



 O Bloque Nacionalista Galego demandou esta mañá desde Vigo que tanto a Xunta de Galiza como a Inspección de Traballo actúen en Povisa, perante a falla de persoal e de medidas preventivas denunciadas a nivel sindical.

A fronte nacionalista mantivo un encontro coas seccións sindicais de CIG e CXT-SGPS no Comité de Empresa de Povisa, na que tomaron parte o concelleiro do Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas, a deputada e portavoz de Sanidade no Parlamento galego, Montse Prado, e mais a deputada por Vigo, Alexandra Fernández, e o deputado de Moaña, Paulo Ríos.

Diante da situación denunciada polos sindicatos, o portavoz municipal do BNG en Vigo esixiu que se actúe “para evitar que as 140 mil persoas adscritas a Povisa polo cupo do Sergas non sexan pacientes de segunda ou de terceira e menos neste contexto”, para o que reclamou que se dote dos medios humanos e materiais necesarios para garantir a debida atención.

Igrexas expresou “enorme preocupación” pola situación neste centro sanitario por feitos como a intención da empresa de incrementar, até mesmo triplicar, a carga asistencial do persoal sanitario. “Hai que evitar a sobrecarga asistencial, hai que garantir a mellor atención posíbel e cómpre actuar para conter os contaxios entre o propio plantel”, demandou denunciando que tanto Sergas como Inspección de Traballo están a “ollar para outro lado”.

A deputada, Montse Prado, remarcou que Povisa “non é un centro privado ao uso, senón un hospital que recibe cada ano máis de 80 millóns de euros a cargo dun concerto especial co Sergas” polo que defendeu que o que alí pase debe “ocupar e preocupar á Xunta de Galiza”.

Prado cualificou de “insoportábel” a situación de falla de persoal e a sobrecarga asistencial, o que supón un problema sanitario no que deberan actuar tanto Inspección de Traballo como o propio Sergas.

A deputada amosou a súa sorpresa diante de que malia que na rede pública se ten reducido a actividade asistencial e cirúrxica en Povisa, pola contra, se mantén e mesmo tense incrementado, o que visaría que a súa prioridade é “o negocio por acima de todo”.

O Bloque presentará unha batería de iniciativas no Parlamento galego, na que demandarán, en primeiro lugar, protección para os traballadoras e traballadores coa práctica de cribados masivos e continuados e o reforzo das medidas preventivas. “Non é de recibo que o persoal traballe sen saber se se está a poñer en risco e que se lle estea a denegar máscaras de protección”, aseverou Prado.

Por outra parte instarán a creación dun Comité de Seguimento do concerto especial para monitorar como está a funcionar, avaliar a actividade asistencial que se presta á poboación adscrita polo Sergas e protexer os dereitos dos e das traballadoras de Povisa.

Peor que en marzo

No encontro, a representación sindical trasladou a problemática que se está a vivir no centro médico. Unha situación marcada pola sobrecarga asistencial dos e das profesionais, con ratios de atención que triplican os do Sergas, a falla de persoal e a carencia de medidas preventivas efectivas.

No concreto, alertaron de que a empresa obriga o persoal de enfermería a atender até 14 pacientes en troca dos 4 que se fixaran na primeira onda de contaxios. Aliás, a organización do traballo está a provocar que o persoal sanitario atenda indistintamente pacientes positivos ou sospeitosos de Covid19 e o resto de pacientes, provocando unha perigosa exposición a novos contaxios. Desde os sindicatos denuncian a negativa do grupo Ribera Salud, actual propietario de Povisa, a reforzar o hospital con máis persoal e que se sigue a manter boa parte do plantel con xornadas parciais a pesar do aumento da carga asistencial.

Neste sentido, Chus Neira, da sección sindical da CIG, advertiu que a situación actual “é peor que a de marzo” con moito menos persoal, con ratios de atención “imposíbeis” e coa negativa da empresa a lles asegurar a utilización de máscaras FFP2.

“A saúde non pode ser un negocio e non podemos seguir sendo expostos a contaxio poñendo en risco a nosa saúde, a das nosas familias e a dos pacientes”, manifestou Ruth Vallejo da CXT-SGPS, quen agradeceu o apoio do BNG. “Os traballadoras e traballadoras de Povisa non podemos máis e non podemos seguir así”, resumiu. 







Comentarios