O BNG de Vigo despregará unha ofensiva institucional para frear o novo recheo do Berbés

|

  • A fronte nacionalista demandará un posicionamento firme do Concello e levará a oposición a esta nova agresión ambiental ao Parlamento galego e, de novo, ao Congreso.
  • Xabier P. Igrexas: “O tempo dos recheos rematou. Non podemos permitir seguir cementando nin un centímetro máis da nosa Ría, cando Vigo xa lle gañamos ao mar máis de 3 millóns de metros cadrados”.


O Bloque Nacionalista Galego despregará de maneira urxente unha ofensiva institucional co obxectivo de evitaren a execución do proxecto de novo recheo portuario no Berbés. A fronte nacionalista anunciouno esta mañá após de que o Ministerio para a Transición Ecolóxica veña de autorizar o aterramento promovido pola Autoridade Portuaria de Vigo, no pantalán número 2 da dársena de Bouzas.

O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, lembrou que en novembro do pasado ano 2019 o BNG levou a Pleno unha moción promovida pola Plataforma en Defensa da Ría de Vigo, para expresar o rexeitamento da cidade á pretensión do presidente da Autoridade Portuaria, o popular Enrique López Veiga, de acometer novos recheos en Bouzas, en Rande e no Berbés. O pasado mes de xullo, o deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego, rexistraba unha iniciativa dando traslado desta posición ao Goberno español, precisamente cando o proxecto do Berbés estaba en fase de avaliación polo Ministerio para a Transición Ecolóxica.

En resposta á iniciativa do BNG, o Goberno español aseguraba a finais de setembro que ían avaliar “a motivación de necesidade” da ampliación portuaria no Berbés, e recoñecía que o porto vigués continúa sen dispor dunha Delimitación de Espazos e Usos Portuarios. “Un documento imprescindíbel precisamente para reordenar o uso que se está a facer da superficie portuaria e que deixaría en evidencia a total falla de xustificación de novos recheos”, apuntou Igrexas.

“O Goberno español, de PSOE e Unidas Podemos, acaba de darlle luz verde a unha agresión ambiental sen xustificación algunha, cun recheo de 8.300 metros cadrados e que suporá operacións de dragado para aumentar o calado de atraque”, denunciou o edil nacionalista.

Diante desta situación o Bloque despregará, de inmediato, unha ofensiva institucional para frear este recheo. “Imos demandar unha posición clara e firme do Goberno municipal para que rexeite de maneira contundente esta agresión ambiental que unha clamorosa maioría da cidadanía non apoia.  Levaremos esta cuestión ao Parlamento galego para que a Xunta do PP se posicione entre o que defende López Veiga e a oposición que declara o seu grupo municipal en Vigo. E volveremos levar un non rotundo aos recheos ao Congreso”, anunciou Igrexas.

“O tempo dos recheos rematou. Non podemos permitir seguir cementando nin un centímetro máis da nosa Ría, cando Vigo xa lle gañamos ao mar máis de 3 millóns de metros cadrados”, remachou.

Comentarios