El servicio de limpieza del hospital Álvaro Cunqueiro, exige el refuerzo del personal

|


  • Hoxe comezaron as protestas, que serán diarias a partir do luns se non se atenden unhas demandasque consideran razoábeis

.

As traballadoras/es do servizo de limpeza do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo mobilizáronse hoxe para reclamar o reforzo do persoal que levan demandando dende o inicio da pandemia do coronavirus. As protestas pasarán a ser diarias a partir do vindeiro luns no caso de que nin a empresa nin o Sergas atendan as súas reivindicacións. Dende o comité da concesionaria da limpeza -Acciona-, de maioría da CIG, alertan de que a falta de persoal e o incremento dos protocolos hixiénicos derivados da alarma sanitaria levan meses provocando unha sobrecarga de traballo e un estrés laboral prolongado entre o persoal. Lembran que o pasado 13 de marzo solicitáronlle á empresa e ao Sergas que reforzase o servizo, tal e como se estaba a facer noutros hospitais públicos galegos mediante a habilitación dunha partida económica especial. “Pero no Álvaro Cunqueiro non se fixo nada, seguramente porque é un hospital privatizado e as empresas que o xestionan non queren investir; e o Sergas mira cara a outro lado”, denuncian. Neste senso, explican que a proposta de incremento de persoal que lle trasladaron á concesionaria do servizo durante as negociacións do convenio -que aparcaron para centrarse no reforzo- é “absolutamente razoábel”. En concreto, piden dúas persoas máis para a quenda de noite e 15 para o resto das unidades. Nestes momentos son unicamente 6-7 persoas as que se encargan da limpeza de todo o hospital pola noite. A resposta da empresa foi ofrecer só 6 novas contratacións, baixo o argumento de que o Sergas non demanda máis limpeza. Por iso hai xa un mes que solicitaron xuntanzas coa Xerencia e co responsábel da concesionaria, “pero non nos responderon”. Entre outras cousas, queren saber por que neste hospital non se habilita esa partida especial para reforzar o servizo de limpeza. “Á sobrecarga de traballo e ao estrés que padecemos hai que sumar que o cadro de persoal se atopa mermado, con persoas de risco de baixa e con outras que aínda non se reincorporaron tras infectarse”. Por iso decidiron comezar coas protestas, que pasarán a ser diarias a partir do luns no caso de que non atendan as súas demandas. No día de hoxe percorreron o interior do centro berrando consignas dende a porta principal até os despachos da Xerencia e da concesionaria do hospital, onde formalizaron unha nova solicitude de xuntanza coa Xerencia. “Agora a pelota está no tellado do Sergas; o que queremos é que nos teñan en conta, porque o servizo que prestamos é tan importante como o sanitario, mais sempre nos racanean en persoal e en material: por exemplo, seguimos a facer limpezas de habitacións de pacientes covid con máscaras cirúrxicas”. Recollida de residuos Outra das problemáticas que padece o persoal de limpeza ten que ver co novo intento da empresa de implementar un sistema de recollida de residuos covid mediante a utilización de caixas de cartón. “Xa o intentaron no mes de marzo, pero conseguimos que desistisen presentando varios informes técnicos”. Pero agora Acciona volve á carga ante a escaseza de cubos de plástico nos que depositar estes residuos. Por este motivo presentaron hoxe unha denuncia diante da Inspección de Traballo

20 11 06 Protesta Limpeza Cunqueiro Vigo 03








Comentarios