MAREA DE VIGO PROPÓN INVESTIR 20 DOS 33 MILLÓNS DE EUROS DOS REMANENTES EN PALIAR OS EFECTOS ECONÓMICOS DA COVID-19 NA NOSA CIDADE.

|

  • As propostas do Grupo municipal van en consonancia con todas as que foron trasladándose ao Goberno local desde o inicio da pandemia.



Rubén Pérez explicou en rolda de prensa os eixos nos que se fundamentan as emendas que a Marea de Vigo rexistrou no día de hoxe cara ao debate sobre o uso dos remanentes. “Nesta altura é esencial para a economía viguesa incrementar as partidas para o comercio e hostalería local, servizos sociais, sector cultural ou tecido veciñal” apuntou.

Pérez lembrou que durante a pandemia xa se levaron a cabo modificacións orzamentarias por un valor de 18 millóns de euros “que foron utilizados en diversas cuestións como algunhas relacionadas con axudas sociais, mais agora temos unha grande oportunidade de adicar 33 millóns de xeito efectivo para axudar a paliar os efectos da crise económica derivada da COVID-19”.

“Hai cuestións que non poden esperar, como completar o catálogo de servizos sociais en materia de vivenda, con programas de alugueiros e hostais para poder dar solución habitacional urxente, nun contexto tan complexo como o das persoas en situación de rúa ante a crise sanitaria” expuxo Rubén Pérez.

Análogamente ás propostas de axuda directa ao comercio local, Marea de Vigo da especial importancia á hostalería local, para a que propón axudas directas para o pago de alugueiro, cobertura de gastos comúns e mantemento e mesmo creación de emprego no sector, xunto á implantación de melloras comerciais.

Marea de Vigo insiste na idoneidade de utilizar os recursos dos remanentes para paliar a crise económica, sendo “rotundamente falso que non se poidan consignar estes gastos, tal e como leva dito o Goberno de Abel Caballero ata agora, cando chega a poñer por diante das axudas económicas gastos ornamentais e de dubidosa prioridade como a cubrición do tranvía de Castelao” conclúe o voceiro municipal.



Comentarios