O BNG insta a Xunta a informar de cantas PCR se fixeron nos últimos días na cidade de Vigo

|

  • A fronte nacionalista reitera a esixencia de que o Sergas informe de maneira desagregada dos datos por municipios e non apenas por áreas sanitarias.
  • Xabier P. Igrexas: “Non queremos pensar que haxa quen estea tentado de maquillar os datos reducindo unicamente a estatística con menos probas”.


O Bloque Nacionalista Galego vén de demandar expresamente que a Xunta de Galiza informe de cantas probas PCR se practicaron na cidade de Vigo, para desta maneira ponderar e contextualizar a redución no  incremento de casos positivos confirmados por coronavirus nos últimos días. Unha demanda que inscriben no reclamo de que o Sergas informe de maneira desagregada dos datos por municipios e non apenas por área sanitaria.

"No último Pleno todas as forzas políticas, agás o PP, esiximos coñecer os datos reais da evolución epidemiolóxica na cidade. Non hai ningún argumento científico ou sanitario que xustifique a opacidade da Xunta. Canta máis información dispoñamos en mellores condicións estaremos para adoptar medidas adicionais a nivel municipal", explicou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas. "Por que razón a Xunta non quere que as viguesas e vigueses saibamos a situación real que se vive na cidade?", inquiriu.

En relación ao número de tests e probas PCR, Igrexas lembrou que "todas as expertas e expertos indican que hai que facer o maior número posíbel de probas e cribados" para un control máis eficaz da pandemia. "Non queremos pensar que haxa quen estea tentado de maquillar os datos reducindo unicamente a estatística con menos probas", expresou o portavoz municipal nacionalista.

Comentarios