MAREA DE VIGO SOLICITA UN NOVO PROXECTO ORZAMENTARIO QUE TEÑA EN CONTA Á VECIÑANZA E A REALIDADE ECONÓMICA QUE ESTAMOS VIVINDO A CONSECUENCIA DA COVID-19.

|

  • Rubén Pérez: “A proposta orzamentaria do Goberno de Abel Caballero non está feita para o futuro económico da cidade, está pensada nun Vigo no que é posible seguir consignando máis de dous millóns de euros para as festas de verán, máis de tres millóns para as compañías aéreas e nun Vigo que pode seguir asumindo competencias impropias como as bolsas de inglés pero segue negándose a asumir dous millóns de euros para empregar en políticas de promoción social”.



 O grupo municipal fundamenta na emenda á totalidade cuestións xa presentadas tanto en anteriores procesos de debate orzamentario como nas recentes emendas aos empregos dos remanentes de tesourería.

“Co contido da nosa emenda, pretendemos que o Goberno local reflexione sobre o que vai significar o vindeiro ano 2021 en termos económicos na situación de crise provocada pola COVID-19” asegura Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo. A proposta orzamentaria do Goberno local “é prácticamente igual á de anos anteriores. Os investimentos están previstos baixo as mesmas prioridades dos exercicios anteriores, prioridades que sempre cuestionamos alén do feito de quedar sen executar gran parte desas partidas” engade. “Precisamente – prosigue - a cuestión que queremos trasladarlle ao Goberno de Abel Caballero é se considera que o vindeiro ano 2021 vai ser un ano 'normal' e que non estamos ante unha situación totalmente inédita que obriga a repensar os orzamentos municipais”.

Na emenda da Marea de Vigo inclúense varias propostas concretas para incorporar ao proxecto orzamentario. Entre elas destacan as axudas directas e políticas de promoción de actividade aos sectores máis perxudicados pola crise da COVID-19 como a hostalería e pequeno comercio, para evitar no posible o peche dos mesmos no ano 2021. Axudas “que nada teñen que ver coas bonificacións anunciadas polo alcalde” incide Rubén Pérez , sendo estas taxas bonificadas con carácter habitual na maior parte dos concellos. “O que non tería sentido sería cobrarlle o lixo e a auga a un sector hostaleiro que está pechado” engade o voceiro.

“Pedimos que se complementen determinados gastos en políticas sociais chegando alo menos aos 100 euros por habitante en gasto social, colocándonos próximos ao gasto que fai a cidade da Coruña ou Lugo. Pedimos chegar aos 29 millóns de euros, 10 máis dos orzamentados.

Marea de Vigo incide nas súas propostas sobre o solicitado nas súas emendas para o uso dos remanentes. “Pedimos ao Goberno local que se non queren telo en conta para os remanentes, o consideren para o proxecto orzamentario” conclúe o voceiro municipal.

Comentarios