O BNG emenda 13,5 millóns de euros do orzamento municipal de Vigo para atender as necesidades reais da veciñanza e dos barrios e parroquias

|

  • A fronte nacionalista formulou 78 emendas parciais con propostas concretas para "poñer no centro da política municipal as necesidades do pobo".
  • Tres novas escolas infantís municipais, dúas novas bibliotecas, dedicar 3 millóns de euros ao Plan Municipal de Emprego, aumentar as partidas dedicadas a políticas de Igualdade, dotar de máis medios os programas sociais e crear unha nova axuda ao alugueiro, son algunhas das medidas que defenden.
  • Xabier P. Igrexas: "Vigo non pode permitirse gastar máis en atencións protocolarias que do que gasta en todo ano en campañas de sensibilización contra a violencia machista.


O Bloque Nacionalista Galego presentou publicamente as 78 emendas parciais que formularon ao proxecto de orzamentos municipais do Concello de Vigo para o vindeiro exercicio 2021, e que se debaterán no pleno do vindeiro mércores. A fronte nacionalista propón modificacións que totalizan máis de 13,5 millóns de euros, co obxectivo de "atender as necesidades reais da veciñanza e dos barrios e parroquias", segundo explicou o concelleiro, Xabier P. Igrexas.


Igrexas destacou entre as propostas nacionalistas a demanda de 3 novas escolas infantís municipais nos barrios de Balaídos, O Calvario e Teis. Propoñen multiplicar por 1,5 a partida destinada ao Plan Municipal de Emprego até dotala de como mínimo 3 millóns de euros. "Non podemos seguir gastando máis en luces e adornos de nadal que en políticas que inciden na principal preocupación das viguesas e dos vigueses, nun momento no que a nosa cidade xa ten preto de 25 mil persoas desempregadas", explicou.


O portavoz nacionalista subliñou a importancia de "reforzar e alargar inda máis as políticas sociais" do Concello, para combater en mellores condicións os graves efectos da crise derivada do coronavirus, formulando o incremento dalgunhas partidas que o Goberno municipal recortou nas contas do vindeiro ano. Ademais, propoñen a posta en marcha dunha liña de axudas para o alugueiro, para abordar o problema social do acceso a unha vivenda digna que padecen moitas familias traballadoras de Vigo, por causa da carestía dos prezos e da ausencia dun parque público de vivendas sociais.


Desde a fronte nacionalista avogan por reforzar de maneira substancial as políticas de igualdade, sinalando que "hai que abandonar o feminismo retórico, a palabrería oca e pasar aos feitos". "Vigo non pode permitirse gastar máis en atencións protocolarias que do que gasta en todo ano en campañas de sensibilización contra a violencia machista". Neste capítulo defende a creación dun Plan Municipal de Apoio aos Coidados, precisamente cando a pandemia puxo de relevo a súa enorme importancia.


Outro dos ámbitos que as emendas do Bloque tencionan corrixir son as políticas de "desertización cultural" aplicadas polo Goberno local nos últimos anos, con medidas como a dinamización e revitalización da rede museística da cidade ou a creación de dúas novas bibliotecas públicas municipais en Coia e Valadares.

"Con estas emendas queremos que os orzamentos municipais dean resposta a este contexto de dificultades, atendendo as necesidades do pobo, pero sobre todo que poñan no centro o verdadeiramente importante: as viguesas e os vigueses", resumiu Igrexas








Comentarios