O BNG cualifica de “escándalo inaceptábel” a redución de PCR na área sanitaria de Vigo

|

  • A deputada Montse Prado demandará explicacións á Xunta no Parlamento sobre os criterios para realizar menos probas.
  • Xabier P. Igrexas: “Parece que en lugar de combater o viruso o que pretende o Goberno de Feixóo é maquillar os datos estatísticos”.


O Bloque Nacionalista Galego cualificou a redución nas probas PCR practicadas nos últimas días na área de Vigo como un “escándalo inaceptábel” e demandarán explicacións no Parlamento Galiza.

O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, denunciou que nos últimos días se están a practicar menos da metade das PCR das habituais. “Pasamos de 2100 a apenas 800, precisamente cando as expertas sanitarias sinalan que nun contexto coma este, dunha importante transmisión sanitaria e significativos aumentos no número de contaxios, o que hao que facer é facer máis cribados, máis probas e un rastrexamento efectivo”, apuntou.

Igrexas criticou que con este tipo de decisións “en lugar de combater o virus o que se pretende é maquillar os datos para poder soster un determinado relato”. Neste sentido, o portavoz municipal nacionalista advertiu que é fundamental coñecer a situación real para adoptar as medidas sociosanitarias máis adecuadas.

Parlamento

A deputada e portavoz de Sanidade do BNG, Montse Prado, anunciou que demandarán explicacións no Parlamento para coñecer os motivos que xustifican a redución de probas PCR.

Prado esixiu á Xunta do PP que abandone a política de improvisación e que reforce o combate ao coronavirus con test e probas masivos así como con labores reais de rastrexamento. Tamén volveu insistir no imprescindíbel reforzo de medios materiais e persoal na rede sanitaria.

Neste sentido, a deputada cargou contra as decisións adoptadas polo Sergas, como as instrucións trasladadas á atención primaria para dificultar a práctica de PCR.

Comentarios