MAREA DE VIGO PIDE A REORIENTACIÓN DOS INVESTIMENTOS PARA QUE VIGO SEXA UNHA CIDADE INTEGRADORA, ACCESIBLE, E PROFUNDAMENTE DEMOCRÁTICA.

|

Rubén Perez: “As políticas en materia de discapacidades deben ir máis ala de ter unha praza máis de aparcadoiro ou unha tarxeta para o transporte público. Existen necesidades que teñen que ver co deseño urbanístico da cidade ou con reorientar gran parte dos recursos dos investimentos”.

Neste 3 de decembro, día internacional das persoas con discapacidade, Marea de Vigo quere poñer en valor as políticas que velen pola integración real e a eliminación das barreiras arquitectónicas e esixe o funcionamento do Consello de Accesibilidade, creado por acordo plenario da cidade no ano 2003 .


Vigo é un exemplo de cidade cuxa política orzamentaria esquece de maneira sistemática incluír medidas que camiñen cara a esta integración, “cando temos un orzamento para o ano 2021 no que, en máis de 1000 páxinas, só se cita en dúas ocasións medidas relativas ás discapacidades, en concreto dúas iniciativas promovidas por dous colectivos da cidade que requiren dun convenio público para levar a cabo as súas actividades anuais” afirma Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal.

“Mentres non teñamos todas as rúas adaptadas e sen barreiras arquitectónicas, non teñen ningún sentido os grandes dispendios en humanizacións ou en actuacións como a da Gran Vía, que hoxe vai inaugurar o alcalde, que vai subir dos 8 millóns de euros na súa totalidade” explica o voceiro. Tanto esta como outras moitas grandes obras que se teñen feito na cidade nos últimos anos “non estan pensadas para a mellora da mobilidade de persoas con discapacidade. Elementos ornamentais que só significan barreiras, escaleiras, elementos visuais que poden resultar incompatibles con discapacidades visuais...etc” incide.

Desde a Marea de Vigo “queremos poñer en valor a loita de ducias de asociacións desta cidade, asociacións que a pesar de que en moitas ocasións son ninguneadas polas administracións e a pesar da desaparición de gran parte das axudas públicas, seguen levando adiante un traballo fundamental e necesario para a sociedade e para as familias” apela Rubén Pérez.

Por outra banda, Marea de Vigo critica a “tónica xeral do Goberno local ignorando os acordos plenarios e a importancia dos Consellos Municipais” como é o caso do Consello Municipal da Accesibilidade, creado nun pleno en xuño do 2003 e cuxas funcións camiñan cara a eliminación das barreiras urbanísticas, arquitectónicas, e potenciar a participación das persoas con discapacidade nas políticas municipais de atencion, integración social e calidade de vida. “O Consello leva anos sen convocarse, e, evidentemente, o Goberno leva anos pasando por enriba dos informes e dictámenes que este consello podería ter feito para a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade” argumenta o voceiro.


Comentarios