O BNG de Vigo alerta de importantes demoras nas citas médicas polo colapso da Atención Primaria

|

A fronte nacionalista urxe reforzar con máis medios e persoal os centros de saúde.


O Bloque Nacionalista Galego alertou esta mañá das elevadas demoras que se están a rexistrar na solicitude de citas médicas en diferentes centros de saúde da cidade de Vigo.

O concelleiro do BNG na cidade olívica, Xabier P. Igrexas, denunciou que están a recibir queixas de veciñas e veciños que padecen importantes esperas até lograr unha cita médica. “Falamos de citas que se solicitaron a inicios deste mes e que se dan para véspera de noiteboa”, exemplificou. Unha situación que afecta de maneira especial a persoas maiores, a doentes crónicos e tamén a atención pediátrica.

“A falla de recursos e, sobre todo, de persoal na Atención Primaria, despois de anos de recortes da Xunta do Partido Popular, supón un grave risco para a saúde das persoas”, manifestou. Neste sentido, o portavoz municipal nacionalista advertiu de que a situación de colapso que se vive en moitos centros de saúde pode traducirse na saturación dos servizos de urxencias.

Desde o BNG urxen unha mudanza na política sanitaria apostando en fortalecer a Atención Primaria, como primeira liña de combate sanitario, para evitar que as viguesas e os vigueses teñan que agardar “moitos moitos días e mesmo semanas para ter unha cita médica”. 






Comentarios