O Bloque Nacionalista Galego vén de demandar que o Concello de Vigo modifique o actual bono social do servizo de autobús urbano para o facer gratuíto para o colectivo de persoas perceptoras do ingreso mínimo vital, desempregadas de longa duración e sen ingresos.
O concelleiro, Xabier P. Igrexas, fíxose eco da denuncia de diferentes colectivos da cidade, entre eles a Oficina de Dereitos Sociais, compartindo que a situación actual é inxusta. “En Vigo as persoas pensionista –incluídas tamén as beneficiaras da RISGA– con ingresos de até 13.300 euros brutos anuais teñen, de maneira xusta, o autobús gratuíto. O que non ten sentido é que persoas que perciben unha axuda de subsistencia como o Ingreso Mínimo Vital, ou persoas desempregadas que perciben a RAI, ou mesmo persoas sen ingresos, teñan si que teñan que pagar como mínimo 69 céntimos por viaxe”, explicou, demandando extender a gratuídade do bus a estes colectivos.
Trátase dunha demanda histórica na cidade, defendida desde hai moitos anos polo movemento veciñal, por colectivos de desempregados e desempregadas e entidades sociais da cidade, que ten sido reiteradamente desatendida polo actual Goberno municipal.
Igrexas subliñou que o bus urbano é “un servizo público esencial” lembrando que é utilizado maiormente “polas clases traballadoras e populares, por persoas empobrecidas, e de maneira moi significativa por mulleres”. Emporiso, o portavoz municipal nacionalista volveu demandar unha modificación do sistema de bonos para facilitar o acceso ao mesmo. “Se o alcalde baixase do coche oficial, inda que sexa híbrido, comprendería a importancia que ten unha medida como esta para millares de viguesas e vigueses que teñen dificultades económicas e que precisan do bus para facer a súa vida cotiá”, acrecentou
A fronte nacionalista insta ao Goberno municipal a adoptar esta decisión, xa que tal e como se recolle no artigo 24 da vixente ordenanza municipal que regula o transporte de viaxeiros na cidade, ten plena competencia para poder facelo. “Só se precisa sensibilidade social e vontade política”, remachou Igrexas.
Comentarios