O BNG demanda do Goberno español a anulación do informe de avaliación ambiental simplificada do Porto de Vigo

|

  • A través dunha iniciativa no Congreso do deputado Néstor Rego, demandan un proceso de avaliación ambiental ordinario que garanta a participación de entidades e colectivos.
  • O portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, formulou tamén alegacións no proceso de exposición pública reiterando a radical oposición a novos recheos portuarios na cidade.


O Bloque Nacionalista Galego, a través do seu deputado no Congreso, Néstor Rego, rexistrou unha Proposición non de lei instando o Goberno español a anular a avaliación ambiental estratéxica simplificada do proxecto de Delimitación de Espazos e Usos Portuarios do Porto de Vigo (DEUP), coa finalidade de iniciar un proceso de avaliación ambiental de carácter ordinario que permita un estudo máis profundo e unha maior participación social.

Para o BNG o proceso de exposición a consulta pública da avaliación ambiental estratéxica simplificada da DEUP, promovido polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e que concluíu onte, coarta a capacidade de moitas entidades sociais e mesmo particulares, para poderen trasladar alegacións, constituíndo unha fórmula restrinxida de participación cidadá.

É por iso que a fronte nacionalista aposta por que se poña en marcha unha avaliación ambiental estratéxica de carácter ordinario, xa que permitiría recoller un maior número aportacións de cara a unha DEUP máis respectuosa co entorno natural marítimo-terrestre da Ría de Vigo.

Na iniciativa, Rego lembra que en decembro de 2017 a Audiencia Nacional obrigaba á Autoridade Portuaria de Vigo á reelaboración dunha nova proposta de Delimitación de Espazos e usos Portuarios (DEUP), por carecer o citado documento da correspondente  avaliación ambiental estratéxica.  A tal efecto, en setembro de 2019 a Autoridade Portuaria viuse forzada á elaboración dunha nova avaliación.

Hai que ter en conta que o proxecto de Delimitación de Espazos e Usos Portuarios considera a maior parte da liña de costa correspondente aos concellos afectados da Ría de Vigo (Vigo, Redondela, Cangas, Moaña e Vilaboa) como susceptíbel de realización de actuacións que, para o BNG, teñen un impacto moi negativo desde o punto de vista ambiental, patrimonial e social.

Así, este proxecto contempla a realización de novos recheos, como o previsto de 65 mil metros cadrados na terminal portuaria de Bouzas en Vigo. Ademais, a superficie de augas do porto invade zonas correspondentes á Rede Natura 2000, que deben ser excluídas da xurisdición portuaria, como no caso da Enseada de San Simón e o seu litoral.

Frear novos recheos en Vigo

Ademais da PNL rexistrada no Congreso, a ofensiva do BNG contra a nova DEUP materializouse tamén a través de alegacións formuladas polo portavoz municipal nacionalista no Concello de  Vigo, Xabier P. Igrexas.

Nas mesmas, Igrexas reitera a necesidade dunha avaliación ambiental de carácter ordinaria pero demanda tamén de maneira expresa que se informe negativamente calquera proxecto ou pretensión de ampliación da superficie portuaria a través de novos aterramentos ou recheos. Neste sentido, o edil demanda que se aposte decididamente polo desenvolvemento da PLISAN e a súa axeitada conexión infraestrural, como fórmula que permita o crecemento ambientalmente sustentábel da actividade portuaria e o desenvolvemento de todo o seu potencial en termos produtivos e socioeconómicos.

Igrexas reclama tamén que se vele pola exclusión do uso da superficie portuaria, nomeadamente aqueles con acceso directo á lámina de auga, por parte de actividades potencialmente contaminantes. Aliás, insta a que se promova unha efectiva reordenación que evite espazos ociosos e usos inaxeitados da superficie do porto vigués.

“A posición do BNG é tan clara e rotunda como o é o sentir practicamente unánime da cidade: non podemos permitir que se siga agredindo a nosa Ría con novos recheos”, explicou o edil nacionalista que lamentou as posicións erráticas doutras forzas políticas. “No Pleno municipal o PP di que non apoia novos recheos, pero logo escoitamos o novo presidente da Autoridade Portuaria dese mesmo partido insistir na teima por cementar decenas de miles de metros cadrados dun ecosistema privilexiado”, reprochou.

A este respeito desde o Bloque cargan tamén contra o “silencio cómplice” do Goberno municipal de Abel Caballero, recordando que o Concello de Vigo inda non se pronunciou oficialmente sobre a nova DEUP, a pesar de ser interpelado polo BNG na Xerencia de Urbanismo.

Comentarios