O BNG demanda un plan derescate urxente a favor da hostalaría de Vigo e alerta da súa situación límite

|

  • Xabier P. Igrexas: “Non é aceptábel que o Goberno municipal de Vigo vaia subvencionar o vindeiro ano con 2 millóns 700 mil euros a aeroliñas privadas e pretenda non destinar un só euro de axudas directas á hostalaría e o pequeno comercio da cidade”.
  • A deputada e portavoz de Comercio do BNG no Parlamento galego, critica o desleixo da Xunta e denuncia que apenas resolveron o 20% das axudas a persoas autónomas


O Bloque Nacionalista Galego mantivo esta mañá un encontro con representantes do colectivo de hostaleiras e hostaleiros do Casco Vello de Vigo, co obxectivo de abordar a situación límite que atravesa o sector, recoller as súas demandas e trasladarlles as alternativas defendidas pola fronte nacionalista.

Na xuntanza, na que participaron o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, e mais a deputada e portavoz de Comercio no Parlamento galego, Carmela González, os e as hostaleiras transmitiron a súa desesperación diante da falla de resposta por parte das administracións e advirten de que se non se actúa con rapidez moitos negocios veranse forzados a botar o feche.

A deputada nacionalista, Carmela González, denunciou o desleixo da Xunta de Galiza que sigue sen ofrecer respostas efectivas ao sector. Neste sentido, González, puxo o foco no feito de que o propio Goberno galego recoñecese que apenas resolveu o 20% das axudas para persoas autónomas.

González reiterou a necesidade dun “Plan integral de rescate” dotado con 200 millóns de euros a incluír nos vindeiros orzamentos da Xunta e que o Partido Popular xa rexeitou o pasado 24 de novembro no Parlamento. Entre as medidas concretas que defende está unha liña de axudas directas que permita manter a actividade e o emprego.

“O BNG imos seguir esixindo que a Xunta non pode deixar tirado o sector desde a premisa de que a hostalaría non pode pagar os custes dunha crise sanitaria”, comprometeu a deputada nacionalista.

Compromiso municipal

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, trasladoulles a batería de propostas que formulou ao Goberno local desde o inicio da pandemia para blindar o tecido produtivo e comercial, incluída a hostalaría, e que foron sistematicamente desatendidas.

Igrexas instou o alcalde da cidade, Abel Caballero, a actuar e deixar de virarlle ás costas a un sector ao borde da asfixia económica. “Non pode ser que a única resposta que o alcalde lle dea á hostalaría é que o asunto non vai con el. Non é un debate sobre competencias, é cuestión de compromiso político. De se hai ou non vontade de axudar ao sector”, reprochou.

Desde a fronte nacionalista critican con dureza que Vigo vaia ser a única cidade galega que non desprega axudas directas. Aliás lembran que o PSOE votou en contra de destinar 12 dos 33 millóns de euros de remanentes a un plan de apoio ao tecido comercial e a hostalaría da cidade proposto polo Bloque. “Non é aceptábel que o Goberno municipal de Vigo vaia subvencionar o vindeiro ano con 2 millóns 700 mil euros a aeroliñas privadas e pretenda non destinar un só euro de axudas directas á hostalaría e o pequeno comercio da cidade”, afirmou Igrexas.

O edil reclamou a Caballero que “deixe de xogar a canto peor mellor” e non utilice a situación límite da hostalaría como arma na súa lea partidista coa Xunta. “O BNG somos os primeiros en esixir ao Goberno galego que actúe, pero o que non ten explicación é porque a principal cidade de Galiza, cun Concello con moitos millóns de remanentes e que vai fechar 2020 cun importante superávit, non se pode facer o mesmo que se fai en Lugo, Pontevedra ou A Coruña”, remachou.


Hostalaria01



Comentarios