O BNG demandará ao Miteco a paralización do recheo do Berbés mentres non se aprobe a delimitación de espazos e usos portuarios de Vigo

|

  • A fronte nacionalista, a través do deputado no Congreso, Néstor Rego instará o Go-berno español a frear esta agresión ambiental que nunca debeu ser autorizada.
  • O concelleiro do BNG, Xabier P. Igrexas reclama tamén unha “oposición firme” do Goberno municipal a este recheo


 O Bloque Nacionalista Galego anunciou esta mañá que demandará do Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco) a paralización das obras do recheo para a ampliación do pantalán número dous da dársena de Bouzas, no Berbés.

As actuacións veñen de reiniciarse nos últimos días nun proxecto co que a Autoridade Portuaria pretende aterrar 8.300 metros cadrados. Unha agresión ambiental que, para o BNG, non debe continuar mentres non se teña aprobado de maneira definitiva a Delimitación de Espazos e Usos Portuarios (DEUP) de Vigo.

A DEUP atópase arestora en fase de avaliación ambiental estratéxica e ten recibido numerosas alegacións por parte de colectivos ecoloxistas e entidades sociais. Tamén o Bloque alegou esixindo a suspensión da avaliación simplificada e a realización dun proceso ordinario.

“Non ten sentido ningún que cando o Porto de Vigo non ten un documento imprescindíbel para planificar e ordenar a súa superficie –a DEUP–, se estea executando un novo recheo”, criticou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas.

Igrexas anunciou que a través dunha iniciativa do deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego, demandarán que o Goberno español ordene a inmediata paralización das obras. Aliás, o portavoz municipal nacionalista demandou unha “oposición firme” por parte do Goberno local.

“Hai uns días Abel Caballero pregoaba o seu non a novos recheos portuarios. Ten que pasar das palabras aos feitos e adoptar todas as medidas políticas, administrativas e xurídicas das que dispón para frear esta agresión no Berbés”, acrecentou.

Comentarios