O BNG pide que os plenos do Concello de Vigo deixen de ser “clandestinos”

|


  • A fronte nacionalista reclama que se publiciten de maneira activa as convocatorias, que a emisión en liña das sesións se faga tamén desde a portada do portal web do Concello e que se dispoñibilicen todos os vídeos dos plenos xa realizados.
  • Xabier P. Igrexas: “É absurdo que as viguesas e os vigueses poidamos ver calquera pleno ou comisión celebrada no Parlamento galego ou no Congreso, pero non os plenos do Concello”



 O Bloque Nacionalista Galego demandou hoxe que as sesións plenarias do Concello de Vigo abandonen a “clandestinidade” e propoñen varias medidas para aumentar a transparencia no funcionamento do máximo organismo democrático da cidade.

Por causa das restricións sanitarias derivadas da crise do coronavirus os plenos do Concello de Vigo realízanse desde o pasado mes de marzo a porta pechada, sen permitir a presenza de público. No entanto, para a fronte nacionalista esta limitación que, remarcan, debe ser temporal non pode ser escusa para opacar o funcionamento da corporación municipal.

O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, considera “inxustificábel” que a emisión en liña se faga sen apenas difusión e sen facilitar o seu acceso ao conxunto da veciñanza, en contraste coa ampla cobertura que se lle deu desde medios municipais a eventos como acendido do alumeado  de nadal.  Aliás, denunciou que os vídeos se retiren ao pouco de remataren as sesións plenarias. “É absurdo que as viguesas e os vigueses poidamos ver calquera pleno ou comisión celebrada no Parlamento galego ou no Congreso, pero non os plenos do Concello”, criticou.

Igrexas cuestionou que motivos levan o Goberno municipal a promover esta opacidade. “De que ten medo Abel Caballero? Que é o que quere que as viguesas e o vigueses non poidan ver nin escoitar?”, preguntouse. O portavoz municipal nacionalista defendeu, por contra, a importancia de que a veciñanza “poida coñecer de primeira man as posicións e propostas de todas as forzas políticas con representación do Pleno” fronte o afán do rexedor por “monopolizar o discurso e silenciar a pluralidade”.

Propostas

Desde a fronte nacionalista subliñan a importancia da transparencia para favorecer a participación cidadá, con ese obxectivo darán traslado ao alcalde de tres propostas destinadas a facer “real e efectivo” o carácter público dos plenos.

En primeiro lugar, instan a que as convocatorias e ordes do día das sesións plenarios se difundan de maneira activa a través de todas as canles municipais, para evitar que para coñecer cando se celebran e para que asuntos se teña que navegar e procurar no interior da web municipal.

En segundo, propoñen que as emisións en liña se realicen tamén desde a portada da web municipal para facilitar o seu acceso.

Por derradeiro, reclaman que non se eliminen os vídeos das sesións xa gravadas e que se permita o seu acceso á carta, como sucede noutras institucións como o Parlamento galego, o Congreso e outros concellos galegos.  

“O que queremos con estas medidas é achegar os plenos á cidadanía en lugar de ocultarllos como parece pretender o Goberno municipal”, defende Igrexas.





Comentarios