El SÍNTOMA MÁS ESPECÍFICO DE LA COVID19 EN LA POBLACIÓN INFANTIL ES LA ALTERACIÓN DEL OLFATO DEMUESTRA UN ESTUDO DE PEDRIATIA ÁLVARO CUNQUEIRO

|

  • O servizo de Pediatría do Álvaro Cunqueiro demostrou, nun estudo que ven de publicarse nunha prestixiosa revista científica internacional, que a anosmia ten unha especificidade diagnóstica do 96,7% para a infección Covid
  • Este traballo enmárcase nunha investigación máis ampla sobre a afectación do coronavirus nos nenos, a súa clínica diferencial, o seu papel no contaxio intrafamiliar e a eficacia das probas diagnósticas
  • Cando un neno presenta anosmia é máis probable que teña Covid (un 96,7%) que outro virus; algo parecido pasa coa alteración do gusto (93,4%) e cefalea (81,5%)
  • Outras conclusións do estudo revelan tamén que os menores tiveron un papel reducido na transmisión intrafamiliar e non son supercontaxiadores



Pediatria 2



O servizo de Pediatría do Hospital Álvaro Cunqueiro ven de realizar unha investigación sobre a afectación da Covid-19 na poboación infantil na que os especialistas demostraron que a alteración do olfacto é o síntoma máis especifico desta infección nos menores.

Esta é unhas principais conclusións deste novidoso estudo, que ven de ser publicado nunha prestixiosa revista de gran impacto internacional, International Journal of Pediatric Otorhinolaryngology .

Este traballo, realizado nos tres primeiros meses da pandemia (de marzo a maio), enmárcase nunha investigación máis ampla sobre a afectación do coronavirus nos nenos, a súa clínica diferencial, o seu papel no contaxio intrafamiliar, e a eficacia das probas diagnósticas. Ademais do equipo de pediatría contouse coa colaboración do servizo de Microbioloxía e coa da especialista en ORL do Complexo de Santiago, Isabel Gonzalez Guijarro, quen deseñou o test do olfacto.

Así, no estudo participaron 126 pacientes, 33 deles con infección Covid-19 confirmada e cunha idade media de 8,4 anos.

En relación coa sintomatoloxía nos menores, o obxecto era identificar os síntomas diferenciais entre a infección por Covid e outras infeccións virais e estacionais comúns nos nenos e nenas.

Segundo a xefa do servizo de Pediatría e autora principal desta investigación, Ana Concheiro “a novidade do noso traballo é que ata agora non había estudos comparativos en Pediatría das características clínicas da infección por Covid con outras

enfermidades. Existían publicacións que mostraban porcentaxes dos síntomas dos pacientes con

Covid, pero non traballos comparativos da especificidade dun determinado síntoma para a infección a Covid fronte a causada por outros virus; é dicir, que síntomas podían ser ou non mais suxestivos da COVID”.

Anosmia, disxeusia e dor de cabeza

A febre foi o síntoma máis común e con maior sensiblidade. As diferencias encontradas foron unha maior especificidade para a anosmia (96,7%); disxeusia, alteración do gusto (93,4%) e cefalea (81,5%) para a presenza de infección Covid-19. Tamén é bastante suxestivo algún tipo de lesión en pel cando asocia febre (82,6%). Outros síntomas como a tos, dispnea, vómitos ou diarrea non mostraron alta especificidade para esta infección.

Como conclusións, pódese dicir que o cadro clínico é moi inespecífico, e aqueles síntomas máis específicos son difíciles de detectar nos nenos máis pequenos.

“Demostramos estatisticamente que os síntomas da infección por Covid-19 son moi similares aos de outros virus; isto supón que ante calquera febre, bronquite, etcétera, é necesario descartar a Covid mediante análise microbiolóxica. A realización da proba PCR ou test de antíxenos terá que implantarse de rutina nos protocolos habituais de atención xeral aos menores con síntomas”- explica a doutora Concheiro.

Probas específicas de olfacto

Unha vez acadada a conclusión de que a carencia de olfacto era un síntoma moi característico e pouco estudiado en nenos, decidiuse analizalo con máis detalle neste grupo de pacientes. A todos os nenos infectados e non infectados fixéronlles un test de olfacto con kits individuais; isto é, presentáronlles olores familiares (menta, limón, xazmín...) que os nenos traducían na súa xerga. Así, por exemplo, o anís era igual a rosquillas; a canela, ao arroz con leite, etcétera.

Os nenos infectados demostraron ter alteracións no olfacto fronte aos non infectados; non recoñecían olores ou os confundían. Sen embargo, so un 15% dos infectados recoñeceu ter notado unha alteración do olfacto na entrevista que se lles realizou.

“Dado que o máis específico son as alteracións do olfacto nos menores, e como os máis pequenos non se dan conta destas alteracións ou non saben expresalo, sería de gran utilidade dispoñer de probas obxectivas, como este test ou outro similar, que avalíen o olfacto para axudarnos ao diagnostico precoz deste coronavirus na poboación infantil”.

Os nenos non son supercontaxiadores

Desde o inicio da pandemia o papel dos nenos como vectores de contaxio foise redefinindo. Nun primeiro momento foron considerados importantes vehículos de transmisión. Hoxe en dia foise cuestionando a súa capacidade de contaxio, especialmente dos menores de 10 anos.

Por iso, outra parte do estudo consistiu en evidenciar como se contaxiaban os menores no período de pre-confinamento e confinamento, de marzo a maio. A investigación puxo de manifesto que a gran maioría contraeron o virus nas súas casas (un 81,8%), contaxiados polos adultos da familia, sobre todo si seus proxenitores traballaban fóra do domicilio (un 8,2%). Nos centros educativos os contaxios foron anecdóticos.

“De todos os casos estudados, solo unha nena provocou o brote na súa familia; no resto dos nenos sempre foron eles os infectados por adultos da súa unidade familiar. Istes datos coinciden co publicado na literatura e apoian a teoría de que os pequenos non son supercontaxiadores”- explica a doutora Concheiro.

Tan só 7 nenos hospitalizados

No período no que se realizou o estudo, os menores de 15 anos supuxeron o 2,2% do total de infectados na Área Sanitaria de Vigo (1.650 pacientes). Na nosa comunidade autónoma, implantáronse as medidas de confinamento poboacional nun momento en que a taxa de transmisión comunitaria era relativamente baixa. Así, a incidencia acumulada na poboación pediátrica entre os meses de marzo e xuño nos que estivo vixente o estado de alarma foi inferior a doutros territorios. Os estudos de seroprevalencia na nosa área estiman una taxa de contaxio do 0,5% en menores de 15 anos, sendo en España dun 3%.

Ademais, en toda a pandemia solo necesitaron hospitalización 7 nenos, e ningún deles requiriu ingresar en Unidades de Coidados Críticos. “Os nenos infectados na nosa área foron menos graves que noutras cidades, como Madrid; quizás porque se expuxeron a unha menor cantidade de virus, dado que nos confinamos pronto e cando aínda rexistrábamos menos casos. Non é o mesmo un neno que solo se expuxo a súa nai infectada en Vigo, que un que viaxaba a diario no metro de Madrid, con 200 persoas sen máscara. Cando propuxemos esta teoría, hai meses, era novidosa e discutida, agora xa hai evidencia que a apoia. A conclusión para a poboación é que todas as medidas de protección adoptadas non solo nos protexen de contaxiarnos, senón de contraer unha forma grave de infección”.

Momento de realizar a PCR

Por último, neste estudo detectáronse algúns falsos negativos da PCR. Isto obedece a que ao ser os primeiros casos retrasouse o momento de realizar a proba, e cando a fixeron, os nenos xa levaban máis de unha semana de evolución da enfermidade.

Isto suxire que a partir dos 8-10 días de enfermar, a contaxiosidade dos nenos pequenos, que xa de por si é baixa, diminúe aínda máis, e por iso o resultado da proba PCR é negativo a pesar de esta infectado. Pese a todo, a sensibilidade da técnica (70,9%) mantívose nun rango previsible, o que indica, dunha parte o correcto da súa

análise e doutra a calidade do proceso de recollida de mostras, que non sempre é doado en nenos tan pequenos.

Comentarios