O BNG demanda un aumento de 105 millóns de euros nos orzamentos da Xunta para Vigo

|

  • A fronte nacionalista presenta emendas centradas en enfrontar os efectos socioeconómicos da pandemia, o reforzamento dos servizos públicos a atención de necesidades infraestruturais.
  • A deputada Carmela González denuncia que o proxecto de presupostos elaborados polo Partido Popular non están centrados na reactivación do País.
  • Xabier P. Igrexas: “Os orzamentos de Feixóo insisten en virarlle as cotas á principal cidade de Galiza e pretenden continuar a política de abandono que o PP aplica en Vigo”







O Bloque Nacionalista Galego presentou esta mañá en Vigo a súas emendas aos orzamentos da Xunta para o vindeiro ano 2021, nas que demandan un aumento do investimento na cidade olívica por volta dos 105 millóns de euros. As propostas da fronte nacionalista están centradas en enfrontar os efectos socioeconómicos da pandemia, o reforzamento dos servizos públicos a atención de necesidades infraestruturais.

A deputada do BNG no Parlamento galego, Carmela González, criticou a proposta de presupostos elaborada polo Partido Popular xa que, segundo apuntou, non están centrados en promover a reactivación de Galiza para superar a crise derivada do coronavirus. Neste sentido, González, lembrou que a fronte nacionalista promoveu unha emenda á totalidade na que, precisamente, remarcaban a necesidade de poñer en marcha un ambicioso plan de reconstrución que incluíse medidas específicas para o rescate de sectores como o comercio ou a hostalaría.

González cargou contra unhas contas “continuistas e de inercia” que non están á altura das necesidades sociais nin apostan no desenvolvemento produtivo e económico de Galiza. “Estes orzamentos son unha oportunidade perdida nun momento extraordinario, e son apenas a mesma rutina e propaganda de sempre”, resumiu.

Poñer fin ao abandono de Vigo

As emendas parciais do BNG no que se refiren á cidade de Vigo pretenden “impugnar e poñer fin á política de total abandono que a Xunta do PP practica contra a principal cidade de Galiza”, segundo apuntou o portavoz municipal nacionalista, Xabier P. Igrexas.

Igrexas debullou as principais liñas das emendas coas que o Bloque demanda un aumento de 104.564.000 euros no investimento do Goberno galego na cidade olívica.

O principal capítulo é o referido reforzar a alargar os servizos públicos na cidade, especialmente no referido á sanidade e á educación. No ámbito sanitario demandan o rescate da concesión do hospital Álvaro Cunqueiro e a absorción de Povisa polo Sergas, para lograr unha atención sanitaria de xestión cento por cento pública. Tamén propoñen a creación de dous novos Puntos de Atención Continuada nas zonas de Coia-Navia e Teis, así como aumentar a partida destinada ao novo centro de saúde de Bouzas para evitar que naza “recortado á metade”. A nivel educativo, as emendas do BNG procuran dotar máis recursos para a mellora de infraestruturas e equipamentos dos centros públicos, aumentar o financiamento dos comedores escolares xestionados por Foanpas, e asegurar a construción do novo instituto de Navia.

A aposta do Bloque céntrase tamén np emprego e o desenvolvemento produtivo, incluíndo un Plan comarcal de reindustrialización, dotado con 20 millóns de euros, e destinado a promover a creación de emprego estábel blindando a industria viguesa. Ademais, propoñen outros 10 millóns de euros para o desenvolvemento, desde a iniciativa pública, do Centro de Reparacións Navais da  Ría de Vigo, para blindar unha actividade estratéxica como é o sector naval. Aliás, co obxectivo de avanzar na configuración de Vigo como “capital galega da innovación, da tecnoloxía e das comunicacións”, reclaman destinar 5 millóns de euros á posta en marcha dun Centro Metropolitano para o impulso tecnolóxico. “Medidas concretas para atallar a desertización produtiva que xa provocou que a día de hoxe haxa 9100 empregos menos na cidade que en 2009, dos que 6500 desapareceron no sector industrial”, explicou o edil nacionalista.

No eido das políticas sociais salientan as propostas nacionalistas relativas a promover a construción de tres novas escolas infantís da Xunta na cidade, en Travesas, Navia e Travesía de Vigo, así como sumar unha segunda residencia de maiores á proxectada en Teis no barrio de Coia e a creación dun proxecto de pisos asistidos (vivenda comunitaria) para persoas maiores. Por outra parte, o Bloque urxe a poñer en marcha unha bolsa de vivenda social na cidade para situacións de emerxencia habitacional, alertando de que son moitas as familias traballadoras con dificultades para acceder a un ben esencial como é a vivenda. Medidas que queren, segundo Igrexas “reforzar o traballo de coidados desde o público e apostar na xustiza social”.

Por último, as nacionalistas incorporan un amplo paquete de medidas concretas encamiñadas a atender necesidades no ámbito infraestrutural e da mobilidade que teñen sido “reiteradamente ignoradas e desatendidas pola Xunta de Feixóo”. Neste capítulo destacan as emendas referidas ao Túnel de Xulián Estévez, á prolongación do túnel de Beiramar até Bouzas, a elaboración dun novo proxecto para a conexión ferroviaria da terminal portuaria de Bouzas e un estudo para a posta en marcha do tren de cercanías, a reforma da Avenida de Galiza ou o confinanciamento na mellora da rede de abastecemento de auga da cidade. Tamén demandan o reforzo do servizo de buses coa Universidade ou a creación dunha liña de bus directa a Peinador, como a que existe nos outros dous aeroportos galegos, a cargo de financiamento de Xunta, e incluír unha partida específica para a remodelación das pistas de atletismo de Balaídos. Aliás, incrementan as partidas destinadas ao desenvolvemento do Campus do Mar e a concluír coa humanización da contorna da  ETEA.

ANEXO: RELACIÓN DE EMENDAS REFERIDAS A VIGO

INFRAESTRUTURAS E MOBILIDADE

Túnel de Xulián Estévez. Plan de accesos a núcleos urbanos. 3.000.000

Estudo tren de proximidade Vigo-Pontevedra e Vigo-Tui. Proxecto GALTREN. 75.000

Reforzo transporte marítimo de Ría. 1.000.000

Plan de mellora do transporte metropolitano de Vigo.Servizo de autobús express ao Aeroporto de Peinador e mellora do transporte directo á Uvigo. 500.000

Proxecto de prolongación do túnel de Beiramar. Plan de accesos a núcleos urbanos. 100.000

Proxecto para a conexión ferroviaria da terminal de Bouzas. 100.000

Reforma e humanización da Avenida de Galiza. Plans de obras de mellora seguranza viaria e accesibili- dade. 2.000.000

Mellora da rede de abastecento de auga de Vigo. Obras hidráulicas de abastecemento.3.000.000 Rexeneración integral da Ría de Vigo. Proxectos de mellora das redes de saneamento. 2.000.000

MEDIOAMBIENTE, TERRITORIO E VIVENDA

Bolsa de vivendas para situacións de emerxencia habitacional. Plan de Acceso á Vivenda. 2.000.000

Obras de mellora nos cascos históricos de Vigo. 1.000.000

EDUCACIÓN, CULTURA E UNIVERSIDADE

Melloras infraestruturais e de equipamento nos colexios públicos de Vigo. Fase I. 1.000.000

Construción dun IES en Navia. Fase I. 1.000.000

Melloras na rede museística de Vigo. 450.000

Construción dunha biblioteca pública en Navia. Fase I. 300.000

Recuperación dos muíños da parroquia de Valadares. 200.000

Aumento do financiamento dos comedores escolares xestionados por FOANPAS. Incremento para comedores escolares na COVID. 300.000

Cubertura de patios dos CEIP de Vigo. 1.000.000

VICEPRESIDENCIA 2ª-ECONOMÍA, EMPRESA E INNOVACIÓN

Plan Comarcal de Reindustrialización. 20.000.000

Centro Metropolitano para o impulso tecnolóxico. 5.000.000

Centro de reparacións do Naval. Plan Galego do Sector Naval. 10.000.000


MAR

Desenvolvemento do Campus do Mar. 2.000.000

Acondicionamento do paseo marítimo da ETEA. 1.100.000

POLÍTICA SOCIAL

Proxectos de construción de Escolas Infantís nas zonas das Travesas, Navia e Travesía. 100.000

Proxecto para a construción dunha Residencia de Maiores en Coia. 250.000 Proxecto rede de pisos asistidos para maiores (vivenda comunitaria). 250.000

SANIDADE

Rescate do Hospital Álvaro Cunqueiro para xestión pública. 42.539.000 Acondicionamento do entorno do Hospital Álvaro Cunqueiro. 300.000 Posta en marcha de novos PAC en Navia-Coia e Teis. 2.000.000

Aumento de partida para a construción dun Centro de Saúde en Bouzas. 1.000.000

Inicio de actuacións para a absorción de POVISA na rede sanitaria pública do SERGAS. 500.000

PRESIDENCIA

Reforma das pistas de atletismo de Balaídos. Plan de infraestruturas deportivas.500.000

Comentarios