A Asociación Veciñal de Teis, o pasado 23 de decembro, solicitou por escrito a intervención dun representante da asociación no pleno municipal do vindeiro 30 de decembro, para expor a demanda da mellora dos pasos elevados na autoestrada AP9 en Teis, en concreto os pasos sobre os camiños da Xorxa e da Trapa, como así recolle o regulamento orgánico do pleno, no seu artigo 54.
A decisión de solicitar a intervención no pleno por parte da asociación, débese a que levamos meses reivindicando a mellora dos pasos elevados sobre a autoestrada AP9, por parte das diferentes administracións, sen ter aínda unha solución.
Os pasos elevados dos camiños da Xorxa e Trapa, teñen 40 anos e carece dun mantemento axeitado e o Ministerio de Transporte, quer impedir o paso de vehículos, ao consideralos pasos peonís, incomunicando estes lugares de Teis.
Desde a Asociación, consideramos que o Concello de Vigo, ten un papel importante nesta reivindicación, ao ser vías municipais, polo que debe haber unha maior implicación na solución a esta demanda veciñal.
Polo que entendiamos necesario unha declaración da corporación municipal apoiando a demanda veciñal dun pasos elevados seguros nos camiños da Xorxa e da Trapa.
A negativa do goberno municipal impediu a nosa intervención dun representante da Asociación no pleno. Esta decisión non se debe a ningún criterio obxectivo, responde a unha decisión partidista e claramente antidemocrática.
Abel Caballero, emprega a súa maioría absoluta, para non dar resposta as demandas veciñais, impedir a un colectivo social que poda exercer un dereito que recolle o regulamento do pleno e utilizar as institucións ao seu servizo.
A Asociación, ao non poder intervir no pleno deu lectura a intervención na praza do Concello. A quen ten medo Abel Caballero? A participación veciñal ?, A que se denuncie no pleno a as reivindicacións da veciñanza, como neste caso uns pasos elevados seguros?.
Comentarios