MAREA DE VIGO CONSIDERA A AMPLIACIÓN DA CONCESIÓN DE AQUALIA “A MAIOR CHAPUZA DA DEMOCRACIA E UN ROUBO A MANS CHEAS Á VECIÑANZA VIGUESA”

|

  • Rubén Pérez: “O Goberno de Abel Caballero paralizou deliberadamente o proceso de aprobación do novo sistema tarifario sen tan sequera ter dado resposta ás alegacións presentadas ao mesmo por colectivos sociais e veciñais da cidade. Semella que o obxectivo final sempre foi cumprir co plan de seguir co sistema actual da concesión de hai casi 30 anos”.
  • O Grupo municipal afirma que se está facendo “un uso partidista da concesión administrativa por parte do Goberno de Abel Caballero, amosando que Aqualia é un axente ao servizo do alcalde e non dos intereses da veciñanza”












Marea de Vigo cuestiona o motivo polo que o Goberno local non tramitou debidamente o novo sistema tarifario “a pesar das dúbidas que xera e ás modificacións que o propio proceso debía ter feito” sinala Rubén Pérez. “Deben aclarar porque non se tramitou antes do 31 de decembro (xa que que legalmente non podería entrar en funcionamento ata contestar todas as alegacións) e se rematou co proceso administrativo” incide.

Marea de Vigo denuncia que “en apenas 48 horas dos últimos días de ano, o Goberno local apresurouse para aprobar o recoñecemento dos investimentos de Aqualia que ian ligados ao compromiso adquirido pola concesionaria para a primeira ampliación (a actualmente vixente) que se desenvolveu entre 2015 e 2020” explica Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal. Unha serie de investimentos “claramente improvisados” e que en moitos casos son “puro recheo” e nada teñen que ver cos investimentos anunciados no expediente do ano 2010 no que se xustificaba a ampliación concesional. “Tan improvisados que actualmente aínda non sen completaron os 25 millóns de investimentos que fundamentaron a ampliación” apunta o voceiro. “Unha chapuza manifesta - prosigue -, un uso partidista da concesión administrativa por parte do Goberno de Abel Caballero e unha demostración palpable de que Aqualia é un axente ao servizo do alcalde e non dos intereses da veciñanza”.

“É tan insultante á intelixencia da veciñanza preparar un cambio no sistema tarifario, convertido xa non en ordenanza senón en prestación de servizo público - critica Pérez-, no que se argumenta que o canon fixo pasa de 7,6 euros bimensuais a case 29 porque é necesario acometer máis de 100 millóns de euros de investimentos na rede de abastecemento e saneamento (figuran detallados no expediente de modificación tarifaria) para, nos estertores do 2020, xustificar a ampliación concesional de Aqualia facendo valer a cláusula do contrato de 1994 co argumento de que teremos 40 millóns de euros de investimentos, que debería poñer colorado e causar vergoña ao Goberno local”.

Marea de Vigo cuestiónase se eses 40 millóns van ser detraídos dos 100 millóns e polo tanto “podemos baixar o cánon fixo”, e, no caso de non ser parte, o Grupo pregúntase o motivo de non figurar estes nos 100 iniciais de investimentos necesarios e urxentes no expediente de modificación tarifaria realizado polos técnicos municipais. “Ou é que, e sería de Xulgado, pretendese xustificar ambas cousas cos mesmos investimentos?” pregunta Rubén Pérez.

Marea de Vigo sinala que “a opacidade e o clientelismo co que funcionan as grandes concesionarias na cidade é unha situación inaudita nas grandes cidades do estado, onde se habilitan, tal e como mandata o Regulamento do Pleno (en Vigo tamén) Comisións de Seguimento da Contratación Pública e mesmo comisións especiais de seguimento dos investimentos análogos a ampliacións concesionais ou os obrigados por contrato”. Nada disto ocurre en Vigo, “paraíso da improvisación e da arbitrariedade de uso de eses recursos. Dende dinosetos que se pagan con cargo a eses investimentos que deberían ir na rede ata festas parroquiais e fogos artificiais que no seu día pagou Aqualia alegremente. Unha omertá pechada en paparotadas e reparto de favores” tacha Rubén Pérez.


Marea de Vigo seguirá a demandar a xa única opción democraticamente e socialmente viable: a remunicipalización do servizo a través da reconstitución de EMAVISA, “empresa pública liquidada e vapuleada por alcaldes de toda cor”, así como deixar de converter o sistema de xestión do abastecemento e saneamento da cidade nun “polo de oportunismo político, de regalías de toda índole e de perda de sentido do servizo público esencial que ten. O resto é pura demagoxia e colocar os intereses privados enriba dos intereses dos vigueses e viguesas” conclúe o voceiro.

Comentarios