BNG leva ao Congreso a paralización do túnel da Porta do Sol de Vigo

|


  • Néstor Rego destacou que o deseño licitado, coas súas dúas ramplas de acceso proxectadas, impedirá a extensión futura da peonalización á contorna do Paseo de Afonso XII.
  • Xabier P. Igrexas salientou que o BNG está a prol de que se peonalice o quilómetro cero de Vigo, continuando a aposta que iniciamos desde unha alcaldía nacionalista no Calvario, na praza da Independencia ou na praza da Constitución.











O BNG insta no Congreso a paralizar as obras do túnel da Porta do Sol para estudar outras propostas que permitan unha peatonalización completa do trazado comprendido entre a Porta do Sol e o Paseo de Alfonso sen a construción de ningún túnel. O portavoz no Congreso, Néstor Rego, salientou que esta obra que ascende a un custo de 17 millóns de euros, “impedirá crear roteiros de continuidade no ámbito histórico e cultural que fomenten o uso peonil e ciclista, como recomenda o Programa Operativo FEDER de Crecemento Sostíbel nas súas liñas de actuación”.

O BNG considera “moi grave” que a entidade local incumprira a normativa europea sobre o dereito de acceso e participación na información relativa a medio ambiente, tal e como denunciaron de maneira reiterada tanto as comunidades de afectadas e afectados, como diferentes entidades da cidade e o colectivo Vigo Histórico.

O BNG xa expresou a nivel local e desdeo primeiro momento a súa oposición ao proxecto de túnel, e promoveu unha moción no Concello de Vigo en setembro do 2019 instando a considerar outras alternativas. “O Bloque estamos a prol de que se peonalice o quilómetro cero de Vigo, continuando a aposta que iniciamos desde unha alcaldía nacionalista no Calvario, na praza da Independencia ou na praza da Constitución” explica o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas. No entanto, Igrexas aclara que a discrepancia está no proxecto concreto. “O que non compartimos é que se acoitele o corazón do centro urbano cun túnel innecesario, insustentábel e caro, que ademais impedirá peonalizar o Paseo de Afonso”, argumenta.

Rego destacou que as restricións na mobilidade urbana, acordadas polo Concello de Vigo, no marco da actual de crise sanitaria a causa do coronavirus, así como as derivadas polos traballos prospectivos previos ao comezo da construción do túnel, “demostraron que este proxecto carece de xustificación e necesidade para promover a efectiva peonalización da Porta do Sol”. Así mesmo, o deseño licitado, coas súas dúas ramplas de acceso proxectadas, impedirá a extensión futura da peonalización á contorna do Paseo de Afonso XII, onde radica un dos principais miradoiros á Ría de Vigo, e á propia rúa Policarpo Sanz.

Neste sentido, a formación nacionalista destaca o feito de que seis colectivos ecoloxistas (Greenpeace, Amigos dá Terra, Xuventude polo Clima-Fridays for Future, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, Ecoloxistas en Acción-Galiza e Verdegaia) pronunciáronse pública e rotundamente en contra do citado túnel. “Todos eles sinalan que reducir o tráfico non pode pasar por construír novas infraestruturas para coches, se non por medidas como a mellora do transporte público, a creación dunha rede de carrís bici e promover activamente o tránsito peonil” sinalou o deputado.


Nun manifesto conxunto, subscrito o pasado 27 de febreiro de 2020, e iitulado “Vigo sen fumes”, afirman ademais que “a peonalización [do eixo Elduayen - Porta do Sol] debería facerse pensando en baixar as emisións, debería ser efectiva, e non simplemente ornamental. “Os fumes baixo terra seguen sendo fumes e ademais, non é necesario soterrar os coches para lograr unha Porta do Sol peonil. Antes da construción do túnel, deberían estudarse outras alternativas menos lesivas” subliñou Rego.



Comentarios