O Bloque cualifica de “irresponsábel e inxusta” a decisión de fechar a práctica totalidade dos parques infantís de Vigo

|

  • A fronte nacionalista critica “o desleixo e incapacidade de xestión” do Goberno municipal que leva desde outubro sen licitar o novo contrato para a desinfección.
  • Xabier P. Igrexas: “O único que vai provocar este peche é unha maior concentración de crianzas e familias nun menor número de parques, xusto o contrario do recomendan as autoridades sanitarias”.


O Bloque Nacionalista Galego expresou o seu desacordo coa decisión do Goberno municipal de Vigo, anunciada por sorpresa na tarde de onte, de estender o peche dos parques infantís da cidade deixando apenas 15 dos máis de 140 abertos.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, cualificou de “irresponsábel e inxusta” esta medida. “É irresponsábel porque o único que vai provocar é unha maior concentración de crianzas e familias nun menor número de instalacións, na liña contraria do recomendan as autoridades sanitarias”, explicou. E tamén inxusta, para Igrexas, “porque volve castigar as crianzas cunha decisión arbitraria que non ten máis xustificación que xogar ao ‘canto peor mellor’ e utilizar esta cuestión na lea permanente coa Xunta de  Galiza”.

O edil nacionalista lembrou que o BNG apoiou “todas e cada unha” das iniciativas e mocións do PSOE a nivel municipal reclamando que a Xunta transfira os recursos necesarios para atender as necesidades extraordinarias derivada da Covid. “Concordamos co Goberno municipal en denunciar que a Xunta de Feixóo está a secuestrar recursos que lle teñen sido transferidos polo Estado sen llos facer chegar os concellos galegos, entre eles os de Vigo, no entanto non podemos compartir esta decisión”, acrecentou.

Para a fronte nacionalista o feche da práctica totalidade dos parques infantís, poucos días despois de que o propio BNG reclamase a reapertura dos mesmos, evidencia “o desleixo e a incapacidade de xestión dun Goberno municipal que o pasado mes de outubro anunciaba un peche parcial e temporal mentres non se puña en marcha o novo contrato”. Aliás, Igrexas reitera a inoportunidade da clausura toda vez neste momento “son máis necesarios do que nunca espazos para o lecer ao ar libre”. 

Comentarios