A XUNTA DE GALICIA INICIARÁ ESTE ANO A CONSTRUCIÓN DO CENTRO INTEGRAL DE SAÚDE OLIMPIA VALENCIA

|

  • O conselleiro de Sanidade presentou hoxe o proxecto da nova infraestrutura sanitaria, e afirmou que nos orzamentos anuais xa hai consignados 1 millón de euros para a licitación e inicio da obra
  • Contará con máis de 70 consultas, 6 gabinetes, 2 salas de técnicas así como os novos servizos de Odontoloxía, Fisioterapia e Farmacia, que a dia de hoxe non están dispoñibles nos centros de saúde desa zona
  • A prioridade do novo CIS é substituír ao centro de saúde de López Mora, xa que as súas condicións estruturais son mellorables


 MG 2234




“O novo Centro de Saúde Integral representará unha oportunidade de mellora dos servizos sanitarios da cidade, unificará a atención sanitaria do barrio de As Travesas e incrementará a carteira de servizos de Atención primaria que se presta na actualidade”. Con estas palabras explicou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, os beneficios para a cidade de Vigo do futuro Centro de Saúde Integral Olimpia Valencia, cuxo proxecto foi presentado hoxe .

No transcurso desta presentación, o conselleiro -que estivo acompañado pola delegada da Xunta, Marta Fernández Tapias; o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente; o xefe de servizo de López Mora, Alberto Bravo; e o arquitecto Eduardo Herraez- asegurou que a nova infraestrutura sanitaria vaise acometer este ano, para o que xa están consignados 1 millón de euros dirixidos á licitación e inicio da obra.

O futuro CIS, que emprazarase no antigo edificio dos xulgados da rúa Lalín unha vez trasladados estes á Cidade de Xustiza- beneficiará a unha poboación de 42.000 persoas.

O obxectivo fundamental da nova infraestrutura é substituír ao centro de saúde de López Mora, que está obsoleto, presentando unhas condicións estruturais que son mellorables, cunha evidente limitación espacial que condiciona o seu crecemento e desenvolvemento.

Ademais, permitirá completar a carteira de servizos de Atención primaria e dotar a esa zona daquelas prestacións que a día de hoxe non están dispoñibles en ningún dos seus centros de saúde como Fisioterapia, Odontoloxía e Farmacia .

Novas prestacións sanitarias

O proxecto presentado hoxe contempla unha superficie de 7.370 m2 construídos que será distribuída en 6 plantas. Ademais dos servizos básicos de Medicina de Familia,

Pediatría, Enfermería, Telemedicina e imaxe médica, Cirurxía menor, Sala de técnicas de alta resolución de Enfermería, Ecografía, Traballo social e Matrona, contará coas novas prestacións de Fisioterapia, Farmacia e Saúde bucodental.

Así, segundo describe a proposta arquitectónica, incluirá os seguintes espazos:

Área de Recepción: con 8 postos de recepción/citación, despacho administrativo, almacén de cadeiras de rodas e padiolas, 1 consulta de urxencias e sala de observación de urxencias.

Área de Atención Clínica: 20 consultas de medicina xeral, 20 de enfermería, 1 de farmacia, 6 gabinetes polivalentes, 1 sala de extraccións, 2 salas de técnicas.

Área de Pediatría: 8 consultas de pediatría, 8 de enfermería pediátrica, 1 sala de atención, 1 sala de lactancia.

Área de Atención á muller: 2 consultas, 1 aula preparación de parto, almacén e vestiario para a aula.

Área de Docencia: 2 consultas de docencia MIR, 2 consultas de docencia enfermería.

Área de Saúde Bucodental: 1 consulta odontólogo, 1 consulta hixienista dental.

Área de Rehabilitación: 2 Consultas fisioterapia, 6 Cabinas de tratamento, 1 Ximnasio de fisioterapia, e 2 vestiarios.

Área de Telemedicina: 1 Sala de sistemas avanzados de telemedicina

Outras Áreas: 2 Consultas de Asistencia social, 2 Despachos coordinación, 1 Almacén de dispensación de farmacia ambulatoria, e 2 Vestiarios.

Área de Persoal: 1 Sala de xuntas/biblioteca, 1 Sala de estar de persoal

Ademais, contará tamén cunha base do 061.

90 profesionais

O número de profesionais do CIS será de 90 aproximadamente (o persoal dos servizos de primaria actuais que se integrarán no novo centro, máis o que corresponderá á atención ás novas prestacións).

O seu horario de funcionamento será de 8.00 a 22.00 horas, facilitando así aos profesionais a conciliación coa vida familiar, ao posibilitarlles a realización de quendas deslizantes ou rotatorias.

A ampla capacidade prevista para a nova infraestrutura sanitaria permitirá contar con dispoñibles suficientes que posibiliten liberar espazos doutros centros de saúde cando sexa necesario, atendendo á demanda poboacional, a incrementos de recursos -tanto humanos como materiais-, ou a incorporacións de novas prestacións.


Comentarios