O BNG de Vigo reclama que se informe dos acordos do Comité Municipal de Seguimento da Covid19

|

  • A fronte nacionalista reitera a súa disposición á cooperar co Goberno municipal para artellar novas medidas coas que enfrontar a terceira vaga de contaxios do coronavirus.
  • Xabier P. Igrexas: “É momento de sumar forzas, de informar, de dialogar e de acordar, entre todos e todas para plantarlle cara a esta nova enxurrada do virus”


O Bloque Nacionalista Galego anunciou esta mañá que se dirixirán ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, para lle reclamar que informe a todas as formacións políticas con representación no Pleno dos contidos e acordos das xuntanzas que celebre o Comité Municipal de Seguimento da Covid19. A fronte nacionalista demanda, ademais, diálogo de cara á definición de medidas adicionais a nivel local para enfrontar a terceira vaga do coronavirus.

O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, sinalou que o Goberno municipal "hai moitas semanas que non informa ao resto de grupos políticos e a última resolución do Comité de Seguimento feita pública no sitio web do Concello é do 22 de outubro".

Igrexas, que expresou a súa preocupación perante a "perigosa evolución pandémica" na área sanitaria de Vigo onde xa son máis de 1400 os casos activos, demandou "transparencia e diálogo" para adoptar as medidas adicionais e despregar os medios que sexan precisos para "robustecer a capacidade de resposta perante a terceira vaga".

A fronte nacionalista reiterou ademais a súa disposición total "á cooperación co Goberno municipal desde a máxima lealdade institucional, tal e como o levamos facendo desde o inicio da pandemia". "É momento de sumar forzas, de informar, de dialogar e de acordar, entre todos e todas para plantarlle cara a esta nova enxurrada do virus", reclamou.

O BNG trasladou desde o pasado mes de marzo máis de 80 propostas ao Goberno local relativas á loita contra a Covid.


Comentarios